O Revitaliza modificará a súa ordenanza de compostaxe local
Por Redacción
O Revitaliza vai modificar no próximo pleno da Deputación a súa ordenanza de compostaxe local para que os concellos dean un "salto adiante" na xestión dos seus biorresiduos. Así o anunciou este venres o vicepresidente César Mosquera, quen subliñou que con esta normativa e outras medidas en marcha, preténdese acelerar o tratamento da fracción orgánica na provincia.
Esta iniciativa provincial xurde nun momento especialmente relevante no eido dos residuos en xeral, dixo Mosquera, xa que a normativa está a variar cara á implantación dun sistema de economía circular no que se fomenten a autosuficiencia, a proximidade (quilómetro cero), a responsabilidade ampliada dos produtores, a xerarquía de residuos e a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro.
Por iso, e tendo en conta que as cifras de reciclaxe e reutilización están moi lonxe dos parámetros requiridos, dende a Deputacion búscase proporcionar aos gobernos locais os instrumentos necesarios para cumplir a normativa tanto europea como estatal e galega.
O vicepresidente destacou, de feito, que "o Revitaliza está absolutamente alineado, pero total e absolutamente, cos principios da normativa marco da Unión Europea e ca lexislación estatal española e galega. Está metido, integrado na quinta esencia dos principios da política europea".
O nacionalista quixo saír así tamén ao paso das declaración da Xunta de Galicia en relación ao futuro financiamento dos sistemas de tratamentos de residuos por parte da Unión Europea. O goberno galego anunciou nos días pasados que supostamente o Ministerio de Transición Ecolóxica advertira de que si apoiaría sistemas como Sogama, mais ningún tratamento mecánico biolóxico.
Mosquera, sen embargo, explicou que "para a Unión Europea hai unha xerarquía de principios sobre os residuos clarísima" na que primeiro vai a prevención, e logo a reutilización e reciclaxe, como partes nobles do tratamento de residuos.
Despois, engadiu, están a valorización, incluída a enerxética (na que se inclúe Sogama), e a eliminación en vertedoiro: "Tanto o queimar o lixo como elimínalo en vertedoiro son as últimas, menos valiosas e as que hai que reducir e prácticamente facer desaparecer", insistiu.
"A mensaxe que quero lanzar é que separación e reciclaxe son os principios do tratamento dos residuos para que os residuos volvan ser un ben, para que volvan meterse no circuito produtivo, na terra, no que se chama economía circular, e para iso é fundamental a separación en orixe e a reciclaxe. Eses son os principios do Revitaliza que este ano lle imos dar un impulso para poder apurar máis", apuntou.
Con esta explicación por diante, Mosquera subliñou que "as declaración do goberno galego veñen a afirmar un descoñecemento profundo da situación".
"Pódese entender desas declaracións da Xunta que entre os sistemas alternativos –non apoiados- tamén estaría o Revitaliza, o que é algo moi sorprendente. Quero entender que quen falou non sabía exactamente o que lle estaban dicindo. Entendeuno como lle pareceu e aproveitou para meterse ou soltar unha pulla colateral que o único que fai é retratalo porque nin coñece a normativa europea, a directiva marco 2008, nin a modificación desa directiva, nin o paquete de economía circular de 2015, nin a lei básica do 2011… ou se as conoce non as entendeu para nada", sentenzou..
Relacionadas:
-
A Deputación lanza novas axudas aos concellos para contratar mestres compostadores
Por Oskar Viéitez |
-
O alumnado de Poio aprende como o lixo orgánico se converte en compost
Por Redacción |
-
Novas sesións sobre compostaxe nos centros educativos
Por Redacción |
-
O Plan Revitaliza permite a Vilaboa mellorar as instalacións de Monte do Cabalo e renovar o parque móbil
Por Redacción |
-
A compostaxe permitirá aforrar este ano na provincia máis de 2.600 toneladas de CO2 de emisións á atmosfera
Por Redacción |
-
A pandemia tamén "complicou" os plans da Deputación para implantar a compostaxe
Por Oskar Viéitez |