Ponte Sampaio estrea o seu novo campo de fútbol
Por Redacción & Cristina Saiz
Despois dunha longa espera, con paralización da obra incluída por entrar a empresa encargada da mesma en proceso concursal, Ponte Sampaio estreou este sábado 13 de marzo o seu novo campo de fútbol.
"Hoxe é un día importante porque poñemos a disposición un campo de herba sintética regulamentario para os equipos Unión Sampaio e a Escola de base Río Verdugo que teñen arredor de 300 rapaces xogando", explicou nunha visita ás instalacións o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
O rexedor resaltou a complexidade do proxecto. "O campo está fóra da liña de Costas, logo dunha xestión complexa para poder solicitar a súa reversión, e recuperar os terreos afectados polo anterior campo, que permitirán ampliar o espazo de lecer que está unido á praia de Ponte Sampaio", sinalou.
De feito o Concello asegura que é o primeiro gran paso para recuperar toda a Xunqueira de Ponte Sampaio, con actuacións como ampliar a praia, as dotacións infantís e polideportivas, ademais de reordenar o tráfico, aínda que para iso necesítase aínda que Costas resolva o expediente de desafectación tramitado hai uns anos e que está á espera da súa resolución definitiva. Con ese obxectivo polo menos procedeuse en 2018 á compra dunha parcela de 11.000 metros cadrados detrás do colexio na que situar o campo para poder derrubar o que existía deixando terreo libre para reordenar a zona.
Pola súa banda o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, lembrou que o novo campo está "dentro do plan de campos do rural que permiten acceder aos nenos e nenas ao deporte", uníndose aos xa operativos en Cerponzóns, Santa María de Xeve e Campañó. O edil avanzou tamén que "dende agora poñémonos en contacto cos clubs para ver de xestionar o campo o antes posible e que se cumpran os protocolos Covid", esperando poder utilizar a instalación para partir do próximo luns 15 de marzo.
O campo de fútbol de Ponte Sampaio tivo un custo de 1.330.819,60 euros, en parte financiados coa achega de fondos da Deputación.
Trátase dunha instalación de 90x85 metros no seu terreo de xogo que dispón de dous edificios construídos para vestiarios e bancada. En concreto está dotado con catro vestiarios para equipos e dous para árbitros, despacho de billetes, almacéns, baños e cantina, ademais do lóxico equipamento deportivo.
Dentro do proxecto incluíuse tamén a urbanización da contorna do campo, creando unha senda peonil e instalando medidas de acougado de tráfico.
Relacionadas:
-
Veciños de Ponte Sampaio denuncian o "abandono" da zona do antigo campo de fútbol da Xunqueira
Por Redacción |
-
O PP pide atrasar ao verán a renovación do campo de fútbol da Xunqueira II
Por Redacción |
-
O PP denuncia o "abandono" do campo de fútbol de Cerponzóns e pide solucionar os seus "problemas de abastecemento de auga"
Por Redacción |
-
Ponte Sampaio recibirá o próximo sábado o seu novo campo de fútbol
Por Alejandro Espiño |
-
A inestabilidade do terreo obriga a modificar o contrato do campo de Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
Novo atraso na construción do campo de fútbol de Ponte Sampaio
Por Anxo Lourido |