Marín modificará a ordenanza de terrazas para axudar á hostalería
Por Redacción
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, avanza que o equipo de Goberno está estudando a introdución de melloras na regulación das terrazas para favorecer a recuperación económica do sector da hostalería. Segundo manifestaba Ramallo, é preciso "seguir traballando para aplicar propostas coas que sigamos axudando aos hostaleiros da nosa vila a realizar a súa actividade".
Este luns a alcaldesa reuníase coas concelleiras Marián Sanmartín e Itziar Álvarez para artellar as novidades nas que o Concello está a traballar para facilitar a actividade deste sector.
A alcaldesa explicaba que nestes momentos estase a contactar con cada un dos establecementos de hostalaría que teñen terraza para informarlles de que teñen que presentar a renovación, ou a solicitude se é a primeira vez que se pide, da ocupación do espazo público coas mesas e cadeiras.
Desde o Concello lémbrase que os hostaleiros deben pedir esta renovación para toda a súa terraza en situación normal, é dicir, coa ocupación do espazo do que dispoñen sen ter en conta ningún tipo de limitación. Desta maneira, cando se teña ese inventario de mesas actualizado utilizarase para aplicar sobre el a normativa vixente do máximo do 50% de aforo que impera nestes momentos.
Por outra banda, a alcaldesa anunciou que o Concello está a traballar nunha modificación da ordenanza que regula a instalación de veladores no espazo público, "porque somos conscientes de que, durante todo o ano, as terrazas son o espazo que se manterá sempre como o máis seguro. Queremos tratar de axudar á nosa hostalaría a que lle poida ofrecer en calquera momento do ano un servizo seguro á cidadanía".
Estes cambios afectarían, especialmente, á colocación de determinados elementos, como toldos ou similares, e á homoxeneización estética do mobiliario que se utiliza para as terrazas. Para iso, abrirase un período de consultas entre o sector, "que poderá aportar todas as melloras ou cuestións que considere que deben ser tidas en conta", matizaba Ramallo. Para axilizar esta tramitación e poder aplicar algunha destas melloras o antes posible, desde o Concello impulsarase unha instrución que permitirá a súa posta en vigor namentres o camiño burocrático da ordenanza continúe coa súa tramitación.
Con respecto ás axudas institucionais, desde o Concello indícase que Marín está adherido ao fondo de axudas que están destinadas ao sector, que neste momento está repartindo as correspondentes á segunda fase. Ademais, a nivel municipal tomáronse decisións en materia tributaria que están a axudar ao sector, como a exención total do imposto das terrazas nos anos 2020 e 2021, así como a exención do canon da auga e o coeficiente de vertedura para os establecementos durante o tempo que tiveron que estar pechados.
Relacionadas:
-
A alcaldesa de Marín reúnese cos hostaleiros para informar da nova instrución de terrazas
Por Redacción |
-
Aprobada a instrución previa á ordenanza das terrazas de Marín
Por Redacción |
-
Marín inspecciona as terrazas para renovar as autorizacións de ocupación do espazo público
Por Redacción |
-
Marín reparte códigos QR entre a hostalería para controlar os aforos e o cumprimento das normas
Por Redacción |
-
Marín e Hoempo facilitarán á hostalería da vila a cartelería informativa sobre o plan de desescalada
Por Redacción |
-
Marín unirase ao segundo plan de axudas da Xunta para a hostalería
Por Redacción |