Suspenden a administración da vacina AstraZeneca en España durante 15 días
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Consello Interterritorial de Sanidade deste luns trasladaba ás comunidades autónomas a suspensión durante 15 días a administración da vacina AstraZeneca. Desta forma, España súmase á decisión adoptada tamén durante as últimas horas por Alemaña, Italia e Francia.
Trátase dunha suspensión cautelar e preventiva para analizar a posible relación entre a administración deste medicamento para facer fronte ao coronavirus e os ao redor de trinta casos de tromboses que xurdiron en diferentes países de Europa en pacientes aos que se inoculara. Carolina Darias, ministra de Sanidade, indicaba na tarde deste luns que se ofrece esta marxe para que o comité de avaliación analice estes episodios trombóticos producidos durante esta fin de semana. Segundo a ministra son casos pouco frecuentes dunha trombose moi específica e quérense avaliar os riscos asociados ao medicamento.
Na Unión Europea administráronse sobre cinco millóns de doses. Precisamente, durante este sábado, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés realizaba unha vacinación masiva con AstraZeneca. 1.700 persoas con idades comprendidas entre os 49 e os 55 anos eran citadas para acudir ao Recinto Feiral da capital do Lérez mentres que en Fexdega estaba prevista a vacinación de 500 persoas. Destas 2.200 persoas convocadas en Pontevedra e no Salnés acudiron a inocularse máis do 70%, segundo datos do Servizo Galego de Saúde.
Precisamente, o Conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña, acompañado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e polo xerente da área José Ramón Gómez acudía ata o Recinto Feiral durante o sábado para seguir o desenvolvemento da xornada. Esta convocatoria de vacinación masiva debería repetirse en doce semanas para a administración dunha segunda dose. Tamén nas últimas semanas administrouse AstraZeneca ao profesorado menor de 55 anos.
Nas últimas xornadas, países como Austria, Noruega, Dinamarca, Estonia, Lituania, Letonia, Islandia, Luxemburgo, Bulgaria, Romanía e Tailandia decidiran suspender a aplicación das doses desta vacina. Tamén en España, as comunidades autónomas de Asturias, Andalucía, Canarias e Castela e Léon retiveran viais da partida de AstraZeneca que se relacionou con episodios trombóticos. En Galicia, pola contra, decidiuse continuar coa súa aplicación ata este luns.
A Xunta de Galicia tamén anunciaba ás 20.19 horas deste luns que se suspende cautelarmente a administración da vacina de AstraZeneca. Nun comunicado sinala que segue asi a indicación do Ministerio de Sanidade que anunciou a sua suspensión por un principio de prudencia. A Conselleria de Sanidade indica tamén que lembra que o sistema de trazabilidade permite identificar a vacina administrada coa persoa vacinada. Ata o momento, segundo a Consellería, non se producíu en Galicia ningún caso de reacción adversa grave.
O presidente da Xunta de Galicia sinalou que lamenta esta situación porque se atopaba lanzada a campaña de vacinación en Galicia entre menores de 55 e maiores de 80. Agora con esta decisión só se centrarán nos maiores de 80. Afirma que non hai mensaxe de preocupación coa información que a Xunta ten ata o dagora, se houbese algunha mensaxe de preocupación, indica Alberto Núñez Feijóo, "seriamos os primeiros en difundilas". Asegura que a administración autonómica estará moi pendente por se é necesaria algunha actuación clínica nos vindeiros días.
Relacionadas:
-
Sanidade pacta coas comunidades vacinar con AstraZeneca só a persoas maiores de 60 anos
Por Diego Espiño |
-
España reanuda a vacinación con AstraZeneca ao ser "segura e eficaz"
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra terá unha unidade poscovid para pacientes con secuelas da pandemia
Por Alejandro Espiño |
-
Os galegos entre 70 e 80 anos comezarán a vacinarse a principios de maio
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra e Vilagarcía superan con nota a súa primeira xornada de vacinación masiva
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Galicia seguirá vacinando con AstraZeneca aos menores de 55 anos
Por Oskar Viéitez |
-
Tes entre 50 e 55 anos? A túa quenda para vacinarte comezará o próximo sábado
Por Alejandro Espiño |