Augas de Galicia subiu un 160% o canon de saneamento ao Concello en dous anos
Por Oskar Viéitez
O voceiro do goberno municipal de Pontevedra e concelleiro de Facenda, Raimundo González alertou este luns do "portentoso incremento" que sufriu o canon da auga nos dous últimos anos.
Raimundo González sinalou que o Concello no ano 2011, transferiu a Augas de Galicia 894.000 euros. E ao ano seguinte, aínda que non se empezou a cobrar ata o segundo semestre nin se aplicou o coeficiente de vertedura, xa se pagou á Xunta en concepto de canon de saneamento a cantidade de 1.238.000 euros. O dato deste ano en curso, "cunha previsión de consumo exactamente igual á do ano pasado" é que pasaría a ingresar 2.321.000 euros.
"Isto quere dicir que a presión impositiva do canon de saneamento subiu un 160% neste dous anos", sinalou o voceiro do goberno local "mais que se duplicou".
Raimundo González informou que o consumo de auga ao longo de todo o ano é menor aínda que no caso puntual deste mes de setembro está a ser moi elevado, segundo se pode comprobar nos datos achegados pola empresa concesionaria Aquagest que sitúa nun 85,53% o nivel do Pontillón do Castro.
Os técnicos de Aguagest precisaron que se esta cifra difire da achegada por Augas de Galicia se debe a que a Xunta non actualizou a capacidade do vaso despois de que se ampliase a superficie para as pistas de piragüismo que situou a capacidade total do Pontillón en 32.000 metros cúbicos.
Neste momento a presa de Verducido está a subministrar ao máximo da súa capacidade "tanta auga como pode levar ou tubo", explicou o voceiro do goberno municipal, Raimundo González "isto supón máis do 45% do caudal da auga da subministración".