O BNG critica a negativa de Defensa a ceder o antigo hospital da Escola Naval en caso de necesidade
Por Oskar Viéitez
O pasado mes de febreiro, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou unha iniciativa solicitando a posta a disposición do Servizo Galego de Saúde (Sergas) das instalacións do antigo hospital da Escola Naval Militar de Marín para facer fronte á situación sanitaria provocada pola covid-19 no caso de colapso nos hospitais.
A portavoz Municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, lembra que xa en marzo do 2020 Néstor Rego solicitara a utilización destas antigas instalacións hospitalarias, "de ser preciso, xa que a infraestrutura resulta idónea para ser rapidamente acondicionada en caso de necesidade para o uso sanitario".
Se no 2020 esta petición foi denegada, alegando desde o Ministerio de Defensa que ditas instalacións non prestan servizo sanitario na actualidade, un ano despois o Ministerio volve denegar a proposta do BNG alegando que o edificio deixou de funcionar como hospital para ser reconvertido como Residencia Militar vacacional.
Ademais disto, o Ministerio de Defensa xustifica esta negativa dicindo que dita instalación "resulta necesaria para a adicación exclusiva para o aloxamento do persoal da Escola Naval Militar".
Lucía Santos considera "totalmente inxustificable a negativa da cesión" e lembra que "estamos a vivir unha situación sanitaria moi grave", polo que a portavoz municipal do BNG entende que "compre que todos e todas rememos na mesma dirección e poñamos todos os recursos a disposición para poder superar esta crise canto antes e co menor número de víctimas".
"Só se está a solicitar o seu uso no caso de necesidade por saturación nos hospitais. Por iso non podemos entender que o Ministerio rexeite esta proposta, pois estariamos ante unha situación de extraordinaria gravidade, que ogallá nunca cheguemos a vivir", concluiu a concelleira nacionalista de Marín.
Relacionadas:
-
O BNG pide a Defensa que ceda o antigo hospital da Escola Naval de Marín para facer fronte á crise sanitaria
Por Redacción |
-
O BNG condena que Defensa manteña o Hospital Naval como "hotel de luxo" e non o ceda ao Sergas
Por Redacción |
-
O Sergas non poderá derivar pacientes ao antigo Hospital Naval de Marín en caso de colapso, pero si ao CGTD
Por Natalia Puga |
-
O Hospital Naval de Marín, unha "alternativa" para 100 pacientes leves de coronavirus en caso de colapso
Por Natalia Puga |
-
A Escola Naval ten preparadas 50 habitacións para acoller enfermos por coronavirus cando sexa preciso
Por Manu Otero |