Avanzan as obras no paseo do Río Bermaña cun orzamento de 20.000 euros
Avanzan as obras de reposición e mellora do pavimento e de renovación da varanda dun tramo do Paseo do Río Bermaña, no centro de Caldas de Reis e nas proximidades da Praza de Abastos. Segundo o goberno local as obras, que comezaron neste mes de marzo, permitirán mellorar a contorna deste río.
As obras foron proxectadas polos servizos técnicos do Concello de Caldas e están financiadas polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, cun orzamento de 20.558 euros, sendo a empresa adxudicataria Umia Metal.
As obras tiveron que anticiparse polo mal estado da anterior plataforma de madeira que, segundo o goberno local, tivo que ser retirada hai uns meses.
Segundo o alcalde, a solución para evitar o deterioro da madeira é a instalación dun pavimento de formigón armado de 15 centímetros de espesor con acabado superficial cepillado. Tamén se está instalado unha varanda metálica de aceiro galvanizado que é do mesmo tipo das colocadas noutros puntos do núcleo urbano. "Estes materiais garanten unha maior conservación que a madeira" comentou o alcalde.
O concelleiro de Obras e Medio Ambiente, Manuel González, recordou que estas obras derivan do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable para mellorar a humanización e a accesibilidade dos espazos urbanos e integrar paisaxísticamente as marxes fluviais do río Bermaña ó seu paso pola vila termal.