O parque infantil da Praza 8 de Marzo pecha tres semanas por obras
Por Redacción
A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural manterá pechado o parque infantil da Praza 8 de Marzo durante unhas tres semanas para que a empresa Baygar poida completar o proxecto de renovación integral e mellora das condicións de seguridade desta zona de xogos.
O departamento que dirixe Iván Puentes destinou unha achega de 20.024 euros á execución deste proxecto, que, ao igual que tódalas últimas actuacións que o Servizo de Parques e Xardíns vén desenvolvendo nos espazos de lecer da Praza de Europa (Monte Porreiro), os antigos terreos de Tafisa, A Seta e a Illa das Esculturas, busca que o concorrido parque infantil da Cidade de Pedra cumpra coa normativa europea UNE-EN 1176 e co Decreto autonómico 245/2003 en materia de seguridade e obteña a correspondente certificación da ENAC (Entidade Nacional de Acreditación).
Non obstante, o deseño das obras de restauración da área de xogos da Praza 8 de Marzo foi tamén o resultado da auditoría previa efectuada pola firma especializada Solucións Técnicas de Ocio (STO), contratada polo Concello para estudar as condicións de seguridade dos 63 parques de Pontevedra, verificar que respectan as directrices comunitarias e galegas, valorar as reparacións necesarias e emitir os certificados ENAC unha vez realizadas as mesmas.
Este proxecto de remodelación inclúe, entre outras cuestións, a reparación do valado, substituíndo as pezas en mal estado e dotándoo de un listón para evitar atrapamentos de cabeza ou pescozo; a cobertura de arestas e de parafusos nas bases dos farois mediante chafláns de caucho; a substitución de papeleiras; a recolocación de bancos, recortando ou substituíndo os seus parafusos ou formando novas ancoraxes; o recrecido do pavimento de caucho de seguridade (ao resultar o actual insuficiente para amortecer a caída dende altura), e a reubicación de tres xogos de resorte que solapan espazos de caída de seguridade.
Asemade, completarase a restauración da estrutura grande de xogos de Kompan (coa substitución de madeiras degradadas, parafusos, esmalte e verniz e a reparación das redes); a reparación e mantemento dos bambáns, coa reposición de parafusos e tapóns, a substitución do recheo dos elos que poidan provocar atrapamentos e o axuste de folguras; a restauración da estrutura pequena de xogos de Kompan; unha limpeza profunda con hidrolimpadora e a instalación de novos paneis informativos.
Relacionadas:
-
Nova vida ao parque infantil de 8 de Marzo: reabre un mes despois restaurado e máis seguro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Posta a punto do parque infantil de Barcelos
Por Redacción |
-
Prevista a reforma de todo o pavimento da área de xogos situada na pasarela José Adrio
Por Redacción |
-
Reabren o parque infantil da Illa das Esculturas tras a súa restauración integral
Por Redacción |
-
Peche indefinido do paseo do Gafos en Campolongo por risco de derrubamento
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Reforzan o chan do parque infantil da Illa das Esculturas e arranxan os seus elementos de xogo
Por Redacción |
-
Reformada a zona de xogos no parque da Seta, os rapaces xa poden gozar das novas instalacións
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
Investirán máis de 153.000 euros na desinfección dos parques infantís de Pontevedra
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
O Concello de Pontevedra pon en marcha a renovación do parque da Seta, en Campolongo
Por Redacción |
-
Renovan a área de xogos do parque infantil dos antigos terreos de Tafisa
Por Redacción |