Bueu amplía a súa rede de saneamento entre A Pena e Paradela
Por Redacción
A brigada de obras e servizos do Concello de Bueu e o persoal de FCC Aqualia están a levar a cabo estes días a ampliación dun tramo de saneamento na parroquia de Cela, concretamente na zona entre A Pena e Paradela, que dá continuidade á obra feita hai semanas no lugar do Burgo.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, destaca que "estas obras permitirán estender as redes para que todas as casas queden conectadas". Así mesmo, nas últimas semanas finalizouse a instalación do bombeo no coñecido como Camiño de Sobalo, na parroquia de Beluso, despois do que FCC Aqualia procederá a realizar a conexión das vivendas para que o Concello culmine coa reposición do firme.
O rexedor visitou este mércores as obras e destacou que estes traballos forman parte da mellora da accesibilidade e dos servizos básicos para o rural, e destaca que "nos últimos anos avanzouse moito na ampliación de redes de abastecemento e saneamento, na substitución de luminarias LED, na pavimentación de viais ou o acondicionamento de fontes e lavadoiros".