Unha campaña de 'rasca e gaña' para dinamizar en abril o comercio de Barro
Por Redacción
En abril, premios mil. É o nome da campaña de dinamización do comercio local que se activou en Barro. O Concello repartirá entre os establecementos uns cartóns de 'rasca e gaña' que incluirán premios que poderán trocar en compras.
Haberá máis de 1.000 euros en premios, repartidos en cantidades que oscilan entre 1 e 10 euros por cada gañador, segundo informou o goberno municipal.
Os establecementos que desexen participar teñen ata o día 26 de marzo para inscribirse a través do rexistro municipal ou enviando un email a omix@barro.gal.
A entrega dos rascas aos clientes farase ao longo do mes de abril por compras superiores a 10 euros e aqueles cartóns que resulten premiados poderán cambiarse no mesmo establecemento no que foron agraciados durante o vindeiro mes de maio.
Esta iniciativa, destacan desde o Concello, nace con vontade de permanencia no tempo de xeito que sexa unha nova campaña de promoción do comercio local durante a primavera.