Mosquera asegura que o PP "uniu o seu destino" a ENCE "a saber a cambio de que"
Por Redacción
Para o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, é "indiscutible" que o Partido Popular e a empresa Ence "uniron o seu destino" cos últimos acontecementos e considera que "algún día" saberase exactamente "a cambio de que".
Mosquera asegura ser "escéptico" de que a "sincronía" entre o goberno galego e a empresa "sexa gratuíta nin nada que se lle pareza" e lembrou que os populares estaban hai anos a favor do traslado ata que mudou a súa postura con respecto a esta fábrica.
As posturas sobre Ence están "clarísimas", segundo o vicepresidente provincial, que instou á empresa a que busque outra localización para manter os postos de traballo.
"Creo que se enganan porque a fábrica aí non pode estar, pola Lei de Costas, por cuestións urbanísticas e por cuestións de todo tipo", sinalou o nacionalista, que considera que "quedou claro" que os últimos incidentes foron "decididos" pola empresa "coa aquiescencia do PP".
O que suceda, engadiu César Mosquera, "non o van decidir os traballadores, nin o comité -que vai por outra liña distinta-, nin o decide ningún sindicato, senón que o decide a empresa".
Con respecto á mesa convocada pola ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, o vicepresidente salientou que "sempre que sexa falar está ben", pero matizou que "non está claro" se é unha mesa de diálogo para negociar o traslado "ou para dar voltas e volver ao mesmo sitio".
"Unha mesa sen obxectivo claro máis que a defensa dos postos de traballo pode levar a entender tanto que é para negociar que Ence siga en Lourizán como para buscar a solución real do traslado", subliñou Mosquera, que se mostra "escéptico" do resultado que poida ter.