Dúas centrais de biomasa quentarán as facultades e institutos da Xunqueira
Por Redacción
A Xunta de Galicia instala dúas centrais de biomasa no campus universitario de Pontevedra e no complexo educativo da Xunqueira valoradas en máis de 1,5 millóns de euros.
Este xoves o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro de Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitaron o campus pontevedrés acompañados polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, para coñecer de primeira man os traballos de desenvolvemento destes dous proxectos que teñen como obxectivo reducir o impacto ambiental a través do uso dun sistema de calefacción máis eficiente para un conxunto de nove centros de ensino e facultades.
Estes proxectos, que contribúen a promover unha cultura de respecto cara ao medio ambiente entre o alumnado e a renovar as instalacións públicas no camiño cara a unha Galicia máis verde, supoñerán unha redución de emisións dun mínimo de 182 toneladas de dióxido de carbono ao ano e unha mellor xestión dos montes galegos co emprego de biomasa forestal.
No caso do campus pontevedrés, a consellería de Economía financiou a instalación dunha planta de biomasa no lateral da facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación no lugar no que se situaba un antigo aparcamento. Cun investimento superior aos 600.000 euros, o seu obxectivo é fornecer enerxía térmica desde unha sala de caldeiras centralizada a esta facultade e á de Ciencias da Educación e o Deporte.
Ademais, o proxecto da cidade educativa da Xunqueira dará servizo a sete centros educativos: Centro Integrado de Formación Profesional ( CIFP) A Xunqueira, os colexios A Xunqueira Nº 1 e Nº 2 e os seus pavillóns, os institutos IES A Xunqueira I e o seu pavillón, o IES A Xunqueira II, o Centro de Formación e Recursos do Profesorado ( CFR) e á Escola Oficial de Idiomas.
O novo espazo que albergará o sistema de biomasa terá unha superficie de 265,5 metros cadrados e constará de dous compartimentos: un para o almacenamento da biomassa e outro como salga de caldeiras e equipos de distribución hidráulica. A central está a ser construída en terreos do CIFP A Xunqueira dado que esta nova instalación pode ter tamén un carácter didáctico para as titulacións que se imparten neste centro. O prazo de execución é de seis meses.
O conselleiro Conde lembrou que a biomasa ocupa a primeira posición en Galicia como fonte de enerxía primaria autóctona e consolídase como unha opción de enerxía renovable, eficiente e limpa.
Pola súa banda, Rodríguez destacou que este tipo de proxectos enmárcanse no compromiso da Xunta de mellorar a eficiencia enerxética dos centros de ensino.