Case un millón de euros para rehabilitar o colexio de Portonovo de xeito integral
Por Alejandro Espiño
Educación xa ten preparada a intervención que fará no colexio de Portonovo. Preto dun millón de euros vanse a investir nel para a súa rehabilitación integral, segundo avanzou o conselleiro deste departamento, Román Rodríguez, nunha visita ao centro.
Esta actuación forma parte do plan de nova arquitectura pedagóxica, presentado pola Xunta de Galicia para guiar as obras de remodelación e as novas construcións de instalacións educativas.
O colexio, que data dos anos 70 segundo o conselleiro, ten "espazos amplos" que co paso do tempo quedaron "obsoletos". Por iso, actuarase sobre os "elementos básicos": luminaria, cuberta, xanelas, carpintería e instalacións para "deixalo case como se fora novo".
A intervención ten como obxectivo realizar as actuacións necesarias nas edificacións existentes para a mellora do illamento térmico e a eficiencia enerxética do colexio de Portonovo.
Con esta rehabilitación integral, destacou Rodríguez, prevese acadar un aforro enerxético de ata un 40% no consumo deste colexio.
Con este fin, está previsto o illamento térmico da fachada mediante a inxección de perlas expandidas de EPS (poliestireno expandido), así como das vigas de formigón perimetrais e dos forxados da cuberta, neste caso con panel de lá de roca.
Ademais, substituiranse todas as cubertas dos diferentes edificios que compoñen o centro por unhas novas de panel tipo sándwich, así como a renovación de canlóns e baixantes correspondentes.
Para mellorar a sensación térmica, renovarase case a totalidade da carpintería exterior do centro educativo, colocando unha nova con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, incluídas as persianas e as súas caixas; e mudaranse as luminarias existentes por unhas tipo LED, con equipos de regulación e detección do movemento.
A actuación inclúe o pulido do chan de terrazo, o pintado dos paramentos e a colocación de falso teito de lá de roca con panel acústico no edificio de Infantil, despachos, almacéns e pavillón, entre outras zonas que carecen del neste momento.
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, lembrou que este colexio "ten moitos anos" e necesitaba unha intervención deste calado. Este é o centro máis grande do municipio, sinalou o rexedor, e conta actualmente con 312 alumnos matriculados.