Plantarán 20.000 árbores autóctonas nos montes comunais de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade, uns dos territorios máis castigados polos incendios forestais nos últimos anos na provincia de Pontevedra, será pioneiro en Galicia na reforestación masiva de 20.000 árbores autóctonas. Pinus Pinaster, Pinus Radiata, Castanea Hibrida, Punus Aviam, Quercus Robur e Betula Alba, serán algunhas das especies a forestar a partir de outono nunha superficie dunhas 462,69 hectáreas.
Para participar neste convenio, o alcalde, Jorge Cubela propiciou a suscrición coas comunidades de montes de Tenorio, Borela, A Chamadoira, Cobas, Quireza, Rebordelo, Loureiro, Vilar e Casal. Guiadas polo servizo municipal de medio ambiente e en colaboración cos distritos forestais, seleccionaron posibles parcelas que cumpriran cos requisitos técnicos do proxecto.
A empresa especializada en realizar a reforestación será CO2 Revolution, especializada en aplicar a intelixencia artificial á enxeñería forestal. Este sistema de plantación permitirá repoboar con especies autóctonas as superficies arrasadas polo lume ou afectadas pola desertificación ata 100 veces máis rápido que mediante medios tradicionais.
Para iso, CO2 Revolution emprega big data, as sementes intelixentes ('iseed') embebidas nunha cápsula biodegradable que as protexe, asegurando a máxima efectividade no proceso de plantación. Trátase de sementes prexerminadas que tamén contan con súper compoñentes para potenciar a súa xerminación e impedir o crecemento de malas herbas.
Segundo Juan Carlos Sesma, un dos directivos da empresa, "investir en árbores supón investir en futuro en todos os sentidos. A iniciativa local atopa así unha fórmula nova e rendible para a recuperación forestal, social e económica da zona".
Para Cubela supón un "logro importante de xestión e unha clara aposta pola recuperación do patrimonio natural do noso municipio despois das ondas de lume que devastaron por completo zonas do noso ecosistema de gran interese".
Estes traballos xa se aplicaron a Estremadura, Murcia Palencia, Guadalaxara, Burgos e Palencia e, no caso de Cerdedo-Cotobade suporán a contratación de persoas da zona.
Relacionadas:
-
Drons, big data e sementes intelixentes para reforestar os montes arrasados polos incendios
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Cerdedo-Cotobade pide á poboación que limpe fincas e franxas de protección para evitar incendios
Por Redacción |
-
Impulsan unha "acción transversal" para previr incendios en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Cotobade loita contra o acoso dos incendiarios
Por Oskar Viéitez |