"Desintoxicación ou cárcere, vostede elixe"
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra ditaminou cambiar a pena de tres anos de cárcere para un "camelo" cazado pola Policía no Vao, polo seu ingreso nun programa de desintoxicación, segundo un acordo alcanzado entre a Fiscalía e a Defensa.
Este home de 51 anos de idade, que responde ás iniciais R.C.V., foi sorprendido por axentes do Corpo Nacional de Policía desta cidade nas inmediacións do poboado chabolista do Vao cando portaba diversas substancias estupefacientes que, segundo confesou vendía terceiras persoas.
En concreto, os axentes incautáronse de 8 pastillas de metadona, 4 pastillas tranquilizantes, tres doses con distintas cantidades de cocaína, así como resina de cannabis e heroína, ademais de 837 euros que eran froito da actividade de venda de drogas que levaba a cabo.
O fiscal solicitou unha pena de cinco anos de prisión para esta persoa e unha multa de 1.500 euros, aínda que, tras o atenuante de que os feitos se produciron debido á adicción que padecía, a pena reduciuse a tres anos.
O xuízo non se chegou a celebrar grazas a un acordo entre as partes
Non obstante, o xuízo non se chegou a celebrar grazas a un acordo entre as partes, polo que o acusado non entrará en prisión se se somete a un tratamento de desintoxicación, que deberá acreditarse no xulgado. No caso de que este "camelo" non continuase o tratamento ou o abandonase, revogaríanse eses beneficios e debería ingresar en prisión durante tres anos.
O presidente da Sala, o maxistrado Xosé Xoán Barreiro Prado, preguntou entón ao acusado se entendera os termos do acordo ao que este respondeu que "non", polo que foi necesario que o seu avogado lle explicase o que acontecera: "Desintoxicación ou cárcere, vostede elixe", resumiu o letrado. "Acepto, acepto Señoría", contestou o procesado.