Comezou a tempada de pesca nos ríos galegos con novidades
Por Redacción
A nova tempada de pesca comezou este domingo oficialmente na maior parte dos ríos galegos para os preto de 37.000 afeccionados galegos que contan con licenza en vigor.
O pasado 4 de febreiro entraba en vigor a Lei de pesca continental, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que un dos obxectivos da nova norma é procurar a substitución xeracional dun sector no que a idade media sitúase entre os 50 e os 70 anos. En concreto, referiuse á creación das escolas de río para garantir a substitución xeracional pola vía da formación e da sensibilización ou ao feito de que os menores de 14 anos non necesiten licenza para poder practicar a pesca, sempre que os acompañe un adulto que si a teña.
Na mesma liña, a conselleira subliñou tamén que, por mor da entrada en vigor da nova lei, todos os menores de idade, así como os maiores de 65 anos, quedan exentos do pago das taxas correspondentes á obtención da licenza, unha medida que, segundo estimou, beneficiará a uns 11.000 pescadores galegos. Ademais, para axilizar a tramitación e en aras da simplificación administrativa, as licenzas destes dous colectivos ( C e C1) manterán ampliada automaticamente a súa vixencia polo prazo dun ano.
Precisamente, co fin de reforzar e facilitar a aplicación efectiva e inmediata desta novidade, a Consellería emitiu unha circular dirixida tanto aos axentes ambientais como ao persoal dos servizos provinciais responsables da tramitación das licenzas.
A conselleira resaltou a importancia da aplicación desta exención para un sector que conta en Galicia a día de hoxe cun total de 36.919 pescadores con licenzas activas, unha cifra que dá conta da importancia e da tradición que ten esta práctica deportiva na Comunidade.
Neste sentido, Ángeles Vázquez destacou o labor “fundamental” que realizan os pescadores para o coidado e posta en valor dos ríos, agradecendo tamén á Federación Galega de Pesca e ás máis de 60 sociedades que xa adquiriron este ano o compromiso de darlle continuidade aos seus convenios de colaboración coa Consellería.
Con carácter xeral, a campaña finalizará o próximo 31 de xullo, estendéndose ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte nos cotos con convenio de colaboración.
Aínda que comezou a tempada de pesca na maior parte dos ríos no que respecta a a troita, nalgunhas cabeceiras de montaña e en augas salmoneras—pesca de salmón e reo— haberá que esperar un pouco máis, xa que a apertura realizarase o 1 de maio.
Este luns sae publicada no DOG unha nova orde de axudas dirixida ás entidades colaboradores de pesca fluvial de Galicia para actividades e investimentos de fomento da riqueza piscícola.
Entre as actuacións que se poderán subvencionar grazas a este programa, dotado cun orzamento de 80.000 euros, hai que mencionar a vixilancia dos tramos de pesca fluvial así como a realización de actividades divulgativas ou formativas, tanto presenciais como telemáticas. As entidades interesadas, segundo explicou a conselleira, terán de prazo un mes para poder presentar as súas solicitudes.
A oferta pesqueira para este ano en Galicia inclúe ao redor de 30.000 quilómetros de ríos e unha ampla rede de encoros. Deses 30.000 quilómetros, 27.000 correspóndense con zonas libres (un 89,7% do total) e 1.183 km con vedados.
Ademais, os tramos libres de pesca sen morte pasan dos 99 da campaña pasada aos 102 da actual, o que supón 46 quilómetros máis que en 2020.