30 denuncias por non levar máscara ou por fumar sen gardar distancia das 55 realizadas pola Policía Local durante sete días
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
A Policía Local de Pontevedra estableceu 55 denuncias durante o últimos sete días por incumprimento da normativa anti- covid. Destas denuncias, vinte foron establecidas de luns a xoves mentres que do venres 19 ao domingo 21, durante a ponte de San José, presentáronse 35 propostas de sanción.
15 das denuncias foron establecidas polos axentes a persoas que camiñaban polas rúas de Pontevedra sen cubrir a cara cunha máscara; outras 15 impuxéronse a persoas que fumaban sen gardar a distancia con outras persoas. A elas hai que sumar sete denuncias a persoas que compartían espazo nun velador con máis persoas non conviventes das autorizadas pola Xunta de Galicia; oito presentáronse tamén por reunións entre numerosas persoas non conviventes mentres que dúas tramitáronse por negarse a unha identificación policial; dúas por consumo na vía pública; catro por desobediencia; outra sanción por falta de respecto á autoridade e unha última por saltarse o horario do estado de alarma.
Os datos eran ofrecidos pola portavoz do goberno municipal Anabel Gulías, que manifestaba que durante a fin de semana levaron a cabo numerosos controis, sobre todo, nas prazas susceptibles de máis aglomeracións de persoas.
A concelleira sinalou que en gran medida cumpríronse as restricións, a pesar de que había moita xente nas rúas durante unha fin de semana no que o bo tempo convidaba a saír de casa. "En xeral hai un grao de cumprimento satisfactorio", indicou Anabel Gulías que incidiu no bo comportamento detectado na hostalería do municipio, sector no que non se rexistrou ningunha denuncia durante estes últimos días.
A Policía Local realizaba sobre todo un control nas horas de peche para comprobar que os desaloxos se realizaban sen incidentes.
Relacionadas:
-
"Descenderon drasticamente" durante a última semana as denuncias por incumprir as normas sanitarias
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía Local intervén en 4 festas ilegais e denuncia a 48 persoas durante a Semana Santa
Por Manu Otero |
-
A área sanitaria remata a ponte de San Xosé con máis casos activos e hospitalizados
Por Oskar Viéitez |
-
Cambio de tendencia. Increméntanse os casos de coronavirus na área sanitaria
Por Oskar Viéitez |