O último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas chequea varias cuestións relacionadas coa pandemia xerada polo coronavirus SARS- CoV-2. Por exemplo, o grao de preocupación que lles supón. A este respecto o 57% das persoas enquisadas respondía que moito e bastante a un 38%. Outra pregunta refería a que supoñía maior preocupación, os efectos da crise sobre a saúde ou sobre a economía e o emprego: un 46% sinalou a primeira opción, mentres que un 36% sentía que ambos.
Ademais, ante a situación xerada por este coronavirus en España, o 47% da poboación enquisada respondía que seguimos no peor momento; un 24% que o peor está por chegar e un 16% que o peor pasou. Para este podcast de 'Mentres isto dure' saímos á rúa e preguntamos aos pontevedreses: cre que o peor desta pandemia xa pasou?.
As respostas que obtemos en PontevedraVIva Radio decántanse cara ao si en boa medida. Con todo en todos os casos é unha afirmación á que segue un "pero" ou varios: "hai que ver consecuencias como as secuelas psicolóxicas, a falta de traballo e ata onde chegarán as axudas"; "o máis grave foi ao principio, pero a situación non deixa de ser preocupante"; "si, pero queda unha cuarta, quinta ou sexta onda... o quid está nas vacinas"; "o peor pasou pero a ver se deixamos de ser egoístas para que nos vaia mellor".
Entre quen considera que non, aducen falta de rigor, de análise ou intereses económicos nun sistema global. Tamén a falta de concienciación, os problemas nas previsións de vacinación. E atopamos igualmente dúbidas sobre un devir máis ou menos optimista, ben por falta de información, ou "por comportamentos penosos".