Obradoiros de hidroloxía para sensibilizar a escolares sobre a importancia da auga
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Este luns 22 celébrase o Día mundial da auga. Desde o Concello de Pontevedra anúnciase que ao longo da semana realizaranse visitas a instalacións das parroquias pontevedresas para comprobar o proceso da depuración da auga e como se avanza na dotación da rede de saneamento e de abastecemento.
Anabel Gulías, portavoz municipal, explicaba este luns con motivo da conmemoración que está previsto desenvolver un programa de aqualoxía a través da empresa concesionaria Viaqua centrado en actividades de hidroloxía destinadas aos escolares coa intención de que coñezan o ciclo natural da auga e concienciar aos asistentes sobre a importancia da auga no día e de coidar o medio ambiente.
Estes talleres de análises sobre o ciclo da auga desenvolveranse inicialmente de maneira telemática debido á pandemia. Gulías afirmou que, se a situación sanitaria mellora, algunha das sesións serán presenciais.
Aqueles centros ou o profesorado que se atope interesado en participar nestas iniciativas ou en recibir o material didáctico poderán presentar unha solicitude a través do correo electrónico mabilleira@pontevedra.eu
As persoas que superen satisfactoriamente a aprendizaxe dos conceptos que se traballarán nestes talleres recibirán unha cantimplora do Efecto PO2. Anabel Gulías explicaba que estas cantimploras buscan que o alumnado substitúa as botellas de plástico por estes recipientes.
Relacionadas:
-
O aforro enerxético do ciclo da auga de Pontevedra equivale a un bosque de 16.000 árbores
Por Redacción |
-
VÍDEO.- O 'Efecto PO2' estrea nova peza audiovisual para mostrar Pontevedra como espazo "san e seguro"
Por Redacción |
-
A Universidade de Canberra elabora un estudo sobre o efecto PO2
Por Redacción |
-
A campaña Efecto PO2 chegará aos máis pequenos
Por María José Pita |