Un total de 479 empresas requiriron xa aos mozos cualificados que subvenciona a Deputación
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, presumiu con orgullo da "sobresaínte resposta" obtida no primeiro plan de prácticas laborais en empresas do sector privado, con 479 firmas que solicitaron ata un total de 170 titulacións distintas. O número de bolseiros demandados é de 1.010 aínda que polo momento o ente provincial só financiará o contrato de 400 titulados durante un ano, que posiblemente se incrementarán ata chegar ás 500 bolsas, segundo adiantou Louzán.
Para a elección das empresas requírese que teñan sede social na provincia, que non teñan contratos de servizos coa Deputación e que non efectuasen despedimentos declarados improcedentes, entre outros requisitos.
A Deputación informou que as titulacións máis demandadas son Licenciados en Administración e Dirección de empresas, Ciclo Superiro de Administración e Finanzas e de Xestión Comercial e Mercadotecnia. Por bisbarras as empresas da área de Vigo solicitan 186 bolseiros, e a de Pontevedra 98, seguida en terceiro lugar polo Salnés con 62.
Unha vez elixidas as empresas unha comisión procederá a designar os bolseiros, que han de ser menores de 35 anos sen experiencia laboral. Segundo Rafael Louzán, previsiblemente a principios do mes de xaneiro de 2014 empezasen a traballar todos os bolseiros.
O presidente provincial valorou especialmente o efecto positivo que están a ter estas iniciativas para frear a emigración xuvenil.
A esta oferta que poderá chegar ás 500 prazas da que se beneficiará o sector privado, hai que sumar outras 500, tamén para titulados universitarios, que se están a integrar nas administracións locais (concellos e a propia Deputación).
"Imos garantir que practicamente mil persoas da provincia de Pontevedra con formación superior queden na nosa provincia traballando e non se teñan que ir como emigrantes a outros países, ou ben da Unión Europea ou ben de América Latina", dixo Louzán.
Louzán recordou que a Deputación inviste este ano de 2013 un total de 20 millóns de euros para contratar desempregados e ofrecer as primeiras oportunidades laborais a un total de 4.000 persoas.
Relacionadas:
-
As empresas pontevedresas teñen ata o 22 de abril para solicitar á Deputación mozos en prácticas
Por Redacción |
-
Ata o 12 de novembro pódense solicitar os 500 contratos en prácticas que impulsa a Deputación
Por Alejandro Espiño |
-
800 desempregados comezarán a traballar nos concellos da provincia no mes de decembro
Por Redacción |
-
Deputación asume os servizos sociais de 53 concellos e os contratos laborais de 900 becarios
Por Redacción |