Cuntis rehabilitará o lavadoiro termal municipal
Por Redacción
O Concello de Cuntis rehabilitará o lavadoiro termal municipal situado na contorna de protección de As Burgas, no centro histórico da vila. A recuperación deste elemento de importante valor histórico e patrimonial supoñerá un investimento de 16.000 euros que o goberno local sufragará con fondos propios.
Esta iniciativa ten como obxectivo rehabilitar o lavadoiro mediante unha serie de intervencións dirixidas a restituír o estado de uso e aseo do mesmo e adoptar medidas que permitan a súa apreciación, faciliten a súa interpretación e acrecenten a súa difusión e función social.
Trátase dunha construción de muros de perpiaño e cuberta de madeira con tellado cerámico a dúas augas. A súa superficie rolda os 58 metros cadrados con tres dos seus catro caras abertas ao espazo público. O acceso ao mesmo realízase a través da Praza de Galicia e baixando catro banzos para poder chegar ás once pilas de lavado individual. Cinco delas son de auga quente procedente da burga, mentres que as outras seis son de auga fría procedente da Praza das Árbores.
O conxunto data do 1941, e conta cuns acabados que reflicten a escaseza de recursos da época. As actuacións previstas sobre o lavadoiro non afectan á estrutura e cinguirase unicamente a actuar sobre os acabados do edificio, que se atopan en mal estado de conservación e na adicción de novos elementos de carpintería.
Na primeira fase dos traballos realizaranse accións sobre a cuberta, a reposición da madera e a limpeza dos muros. Así mesmo, mellorarase a accesibilidade, impermeabilizaranse as pilas e as canles. Na segunda fase está prevista a mellora da balaustrada de acceso e a dotación dunha placa de xeso nas paredes norte, sur e oeste do edificio.
O alcalde da vila, Manuel Campos, quixo destacar "o compromiso do goberno municipal por protexer e rehabilitar o Lavadoiro Termal, así como outros elementos do noso rico patrimonio cultural tradicional".
Relacionadas:
-
Un Plan Director para protexer o casco histórico de Cuntis e marcar a súa folla de ruta futura
Por Redacción |
-
Denuncian a subtracción dunha das pezas do Portelo de San Xoán, en Cuntis
Por Redacción |
-
Aprobado o orzamento de Cuntis para 2021 con máis de 4 millóns de euros
Por Redacción |
-
Cuntis propón recuperar o lavadoiro termal con cargo ao Plan Concellos
Por Redacción |