Un proxecto municipal integrará na trama urbana de Barro a contorna do Pazo da Crega
Por Redacción
O Goberno municipal de Barro executará un proxecto para pór en valor toda a contorna do Pazo da Crega. Segundo informan dende o Concello, esta intervención no pazo e no seu entorno irá acorde a unha filosofía que abrace a integración dos espazos e das persoas, creando áreas de convivencia para que o seu desfrute sexa o máximo posible por parte de toda a veciñanza e que sirva para integrar esta parcela dentro da trama urbana da vila como parque público.
Este proxecto conta cun orzamento de 56.000 euros e foi redactado baixo a supervisión e seguindo as indicacións técnicas da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia, polo que o Concello xa conta conta con este permiso e comezará o proceso de licitación nas vindeiras semanas.
O obxectivo que se pretende acadar con esta intervención é o de revalorizar tanto o Pazo como a súa contorna, mediante a recuperación de elementos esenciais do seu conxunto arquitectónico e patrimonial, a eliminación dos elementos que o desvirtúan, así como a reordenación da masa vexetal que o rodea, clarificando os espazos e usos para obter como resultado a integración do espazo no núcleo, converténdoo nun eixo de centralidade social e cultural.
Esta actuación contempla traballos de xardinería, melloras na accesibilidade, a eliminación de construcións auxiliares inadecuadas e alleas ao entorno, a apertura do espazo exterior axardinado, a recontrución do seu hórreo orixinal e a restauración e recontrución do lagar no seu lugar orixinal e con todas as súas pezas.
Para o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, esta "será unha intervención fundamental para pór en valor o Pazo da Crega e integrar este espazo exterior axardinado na trama urbana, así como parar crear un núcleo de centralidade que toda a veciñanza poida desfrutar".