Ponte Caldelas arromba a contorna dos seus templos para a Semana Santa
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas completa a roza de todos os adros dos templos para poñelos a punto de cara á festividade da Semana Santa. Os traballos foron realizados polos operarios municipais que levaron a cabo con cortacéspedes e rozadoras a limpeza da contorna dos templos de Santa Baia, Sagrado Corazón, capela do Casteliño, Anceu, A Roca, Barbudo, Chaín, Insua, Silvoso, Xustáns, Taboadelo, Tourón, Buchabade, Vilarchán, Laxoso, Forzáns e Caritel.
Desde o Concello recalcan o seu compromiso co mantemento dos 33 lugares do rural de Ponte Caldelas, nos que realizan intervencións varias veces ao ano.
Ademais, o goberno local completa o arranxo da ponte de madeira sobre o río Reigosa, danado polo paso de vehículos de motor. A estrutura de madeira foi deseñada para o tránsito peonil, pero os condutores incumprían esta limitación de forma reiterada, polo que o Concello decidiu instalar bolardos á entrada da ponte.
A reparación integral consistiu no reforzo das vigas inferiores da ponte, así como a limpeza e reposición de todos os listóns que se atopaban afundidos.