Román Rodríguez advirte que "normalizar" o sistema educativo no final de curso pasa por reducir a actividade social na Semana Santa
Por Redacción
Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, visitaba este sábado o municipio de Marín e alí, en declaracións aos medios, advertía á comunidade educativa para que se cumpra o mandato sanitario e durante estas xornadas festivas de Semana Santa reduzan os encontros sociais para que o último trimestre do curso se poida "normalizar" a actividade do sistema educativo en Galicia.
O máximo representante da Educación galega admitía que o segundo trimestre foi complicado debido á irrupción da terceira onda da pandemia de covid-19. Esta situación provocou unha rápida crecida de casos activos na contorna escolar achegándose aos 4.000 positivos a finais do mes de xaneiro.
Na actualidade, segundo comentou o conselleiro, a relación de casos positivos é a máis baixa desde outubro, sitúandose preto dos 450, despois de que se fosen rebaixando os casos de maneira rápida e sostida.
Rodríguez destacaba tamén que durante este curso o ensino presencial desenvolveuse de maneira "maioritaria" e tan só en conservatorios, escolas de idiomas ou educación de réxime especial viuse obrigada a utilizar temporalmente o formato dixital.
Recoñecía o esforzo do alumnado de maneira "sobresaliente" cunha adaptación moi disciplinada aos protocolos de seguridade establecidos polas autoridades sanitarias. Ademais, sinalou que se puxo en funcionamento un plan de atención emocional para aqueles estudantes que presenten episodios de ansiedade e tensión debido á crise pandémica que, segundo o conselleiro, pode agravarse pola situación económica da contorna familiar. A idea é que se identifiquen estes problemas para poder prevelos e reducilos.