Detido un veciño de Lugo por prescindir da máscara e chamar "burras" a axentes da Policía Local
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot
Un veciño de Lugo, de 38 anos de idade, levou á práctica as súas teorías negacionistas este sábado nun municipio que se atopa en nivel alto de restricións ante o avance de contaxios nos últimos días. Ata en dúas ocasións tivo que ser advertido por axentes da Policía Local de Sanxenxo de que se puxese a máscara e o home acabou enfrontándose a eles.
Segundo indican desde o Concello de Sanxenxo, a primeira advertencia producíase nunha terraza da vila turística cando o home se atopaba nunha terraza sen máscara que lle cubrise o rostro malia que non estaba a consumir. Máis tarde, os axentes volveron a identificar ao individuo sentado noutra terraza e coa mesma actitude, sen poñerse a máscara a pesar de non estar a comer nin bebendo nese momento.
"A ti nunca te dieron una paliza, a ver si te va a tocar hoy", díxolle aos axentes
Ante a nova petición dos axentes, o home negouse a poñerse a peza protectora e comezou a manter unha actitude desafiante cos representantes policiais.
"A ti nunca te dieron una paliza, a ver si te va a tocar hoy" ou "voy a seguir haciendo lo mismo" foron algunhas das frases ameazantes que o lucense lanzou contra os policías para a continuación comezar a insultarlles directamente utilizando palabras como "analfabetos" e "burras".
O atestado recolle que o home tamén lanzou un retador "de aquí no me muevo sin que me detengáis". Acto seguido, os axentes decidiron cumprir cos desexos do turista e foi arrestado e, a continuación, trasladado ás dependencias policiais onde se tramitou unha denuncia por desacato á autoridade e incumprimento das medidas sanitarias.