O Concello de Poio mercará un milleiro de composteiros individuais
Por Redacción
O Concello de Poio destinará parte do Remanente de Tesourería correspondente á liquidación do Orzamento de 2020 para a adquisición de máis dun milleiro de composteiros individuais. Así o confirma a tenente de alcalde, a socialista Chelo Besada, que explica que a contía para esta actuación ascenderá a 100.000 euros.
"Entendemos que esta é a liña a seguir para continuar fomentando a aposta polo compost entre a veciñanza, dados os grandes beneficios que se poden obter grazas a este proceso, tanto desde o punto de vista medioambiental como económico", sinala a responsable do departamento de Obras e Servizos Municipais.
Cómpre lembrar que o uso do Remanente de Tesourería (cuxa contía total rolda os 1,5 millóns de euros aproximadamente) é posible despois de que o Goberno central suspendese temporalmente a regra de gasto, durante 2020 e 2021, por mor da crise sanitaria da COVID-19.
No caso dos composteiros individuais, o que se busca é continuar coa filosofía iniciada a principios da pasada década. Foi entón cando o Concello comezou a repartir este tipo de recipientes entre a veciñanza. Estas unidades pódense solicitar a través da páxina web municipal. Nos últimos anos entregáronse uns 400 aproximadamente, unha cifra que, grazas a esta achega, tenderá a medrar nun futuro próximo.
"Logo do éxito que acadou o Centro de Compostaxe Comunitario que, grazas ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, puidemos poñer en marcha na contorna de Ferreirós, queremos ir máis alá e estender os beneficios do compost a outras parroquias e zonas do rural", sinala Chelo Besada, que se marca coma obxectivo reducir a cantidade de residuos orgánicos que se producen en máis de 2.000 vivendas do municipio.
"Contamos con informes técnicos que constatan que, mediante o uso dos composteiros, estamos en disposición de reducir en máis de 500 as toneladas de lixo que se xeran anualmente, o que redundaría notablemente no recibo de Sogama”, puntualiza a tenente de alcalde de Poio.
Besada tamén amosa a súa satisfacción e agradecemento pola gran resposta que está tendo a cidadanía á hora non só de utilizar o Centro de Compostaxe de Ferreirós, senón tamén pola alta demanda de compost que está a recibir o Concello, e que se reparte de xeito gratuíto entre a veciñanza para o seu uso en xardíns, macetas e parcelas. A medio prazo, a intención do Concello é habilitar este servizo tamén noutras parroquias, ata poder chegar a contar con máis dunha ducia.
Relacionadas:
-
Escolares do CEIP Lourido descobren os segredos do funcionamento do composteiro comunitario
Por Redacción |
-
Poio entrega un composteiro á residencia Ballesol
Por Redacción |
-
Xa funciona o segundo centro de compostaxe comunitario da parroquia de San Salvador
Por Redacción |
-
A Deputación lanza novas axudas aos concellos para contratar mestres compostadores
Por Oskar Viéitez |
-
O alumnado de Poio aprende como o lixo orgánico se converte en compost
Por Redacción |
-
O Concello de Poio proxecta habilitar hortas urbanas na Caeira
Por Redacción |
-
Poio amplía o composteiro de Ferreirós e colocará novos en San Salvador
Por Redacción |