Un insólito Domingo de Ramos con bendición de palmas dentro dos templos
Por Cristina Saiz & Redacción
Domingo asollado e con temperaturas agradables. Era o escenario ideal para que miles de persoas, como é tradición, saísen á rúa para golpear coas súas palmas e as súas oliveiras o paso da burra coa imaxe de Xesús Nazareno representando a entrada en Xerusalén polo centro de Pontevedra.
Pero esa imaxe non se puido ver en 2020 e tampouco neste 2021 debido ás restricións ás que obriga a pandemia. Nesta ocasión, as circunstancias obrigaron a que as bendicións do Domingo de Ramos se realizasen dentro dos templos en cada unha das celebracións relixiosas tanto da tarde do sábado como deste domingo.
Nesta ocasión, a imaxe da burra atopábase na Igrexa de San Xosé de Campolongo, onde numerosos fieis acudiron aos cultos do párroco Casimiro Fernández Núñez. Tamén un notable número de persoas, sempre mantendo a distancia de seguridade e portando máscaras, asistía ás celebracións na Basílica de Santa María a Maior cumprindo coas limitacións de aforo e coa alerta de evitar a entrada no templo unha vez comezada a celebración para evitar posibles aglomeracións no interior.
A bendición en todas as ocasións realizábase cos fieis ocupando o seu lugar no banco e sostendo o ramo, a palma ou a oliveira mentres o párroco movía o hisopo. Os actos relixiosos da Semana Santa continuarán sen actividade nas rúas despois de que o arcebispado de Santiago decidira a suspensión das procesións.