Pontevedra acollerá un programa pioneiro contra a violencia sexual nos institutos
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra, en colaboración co Instituto da Muller, desenvolverá o Programa IRENE, un conxunto de iniciativas que abranguen Información, Formación e Prevención da violencia sexual en mozos e adolescentes. Esta iniciativa desenvolverase por primeira vez entre os mozos do municipio.
O Programa IRENE preséntase como un xeito de actuar fronte a unha das manifestacións máis brutais de violencia de xénero, a violencia sexual, tal e como demostran diversos estudos de xénero, que consideran que aínda existe excesiva presenza de violencia contra as mulleres na área sexual, que se se aborda dende a adolescencia incidiría en maior medida na súa prevención.
Nesta ocasión, traballarase con tres sectores poboacionais determinados: asociacións de pais, de mulleres, veciñais e público en xeral con xornadas de información; alumnos de secundaria e formación profesional con talleres; e cursos de formación de asistencia primaria a vítimas de violencia sexual dirixidos aos membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, os traballadores sociais, sanitarios, persoal adscrito a servizos sociais, educadores, expertos en violencia de xénero, entre outros.
A primeira destas citas, destinada a profesionais, terá lugar o xoves 3 de outubro na Casa Azul. Segundo explicou a coordinadora das xornadas Edith Pita, abordaranse os temas xerais: descrición do Programa Irene, marco social e psicolóxico, marco legal, marco médico-forense e o acoso sexual e ciber-acoso.