Xestur analiza as ofertas de 20 empresas pola compra de solo industrial a prezo bonificado
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Galicia oferta solo empresarial a través de Xestur e neste ano sacou á venda máis de 857.000 metros cadrados de solo a prezo bonificado, nun 30 e 50%, un total de 280 parcelas en 17 concellos. Na actualidade, estanse a analizar as ofertas presentadas 20 empresas.
No caso concreto da provincia de Pontevedra, hai un total de 44 parcelas, que suman 182.312 metros cadrados e que están localizados nos parques de Arbo, Lalín, Mos, A Reigosa en Ponte Caldelas e Silleda.
Esta oferta de solo de Xestur se completa coa do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que nas vindeiras semanas convocará o concurso de venda ou adxudicación en dereito de superficie do solo polo cal se pon a disposición das empresas máis de 1,4 millóns de metros cadrados de solo bonificado repartidos en 545 parcelas nun total de 48 concellos.
Estes datos foron facilitados este luns pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nun encontro con asociacións de empresarios da provincia de Pontevedra na que lles trasladou que "a Xunta é a única administración pública que aplica bonificacións á adquisición de solo empresarial de ata un 50% ".
Ángeles Vázquez sinalou que "grazas ao esforzo realizado nos últimos anos", adxudicáronse preto de 2,34 millóns de metros cadrados, con bonificacións e en dereito de superficie, que suman un importe global de 77,8 millóns de euros.
Neste ano se abre unha terceira vía para facilitar o acceso ao solo empresarial como é a través do arrendamento, polo que "por primeira vez se realiza unha oferta pública de parcelas a alugueiros moi reducidos".
A conselleira destacou que no solo promovido ao 100% pola Xunta darase continuidade á política de incentivos, polo que tamén este luns nunha reunión da Sociedade Empresarial do Atlántico (SEA), solicitou a esta entidade estatal -xunto con Sepes- que realice "o mesmo esforzo" e que pondere as "oportunidades" que ofrece o solo empresarial do que dispón en Galicia, para así "facelo atractivo para o asentamento de empresas na comunidade e evite o asentamento noutras rexións".
Por último, a conselleira de Medio Ambiente comentou aos empresarios que o goberno galego traballa un marco lexislativo que ofreza "seguridade e estabilidade, grazas á lei de desenvolvemento de áreas empresariais de Galicia", que ese atopa en período de consultas ata o 15 de maio, polo que invitou aos empresarios a trasladar as súas achegas e contar cun documento de consenso.
Relacionadas:
-
Sogama materializa a adquisición de sete terreos do Polígono de Vilanova para a nova planta de compostaxe
Por Redacción |
-
Acordan ampliar os usos das parcelas do polígono industrial de Vilanova de Arousa
Por Redacción |
-
Zona Franca mostra o seu apoio para que Extrugasa se instale no polígono cuntiense da Ran
Por Redacción |
-
Adaptación do PXOM de Meaño para dar cobertura a talleres, uso acuícola e servizos funerarios
Por Redacción |