O consorcio contra incendios dota os parques da provincia dun novo camión-escaleira
Por Redacción
O parque do servizo contra incendios do Porriño recibiu este luns o novo vehículo pesado de rescate e de extinción en altura que se incorpora aos medios materiais do consorcio provincial, adscrito á Deputación de Pontevedra e participado ao 50% pola Xunta de Galicia.
Este novo camión, adquirido á empresa Incipresa cun investimento de 777.304 euros, terá a súa base no parque de O Porriño aínda que a súa operatividade se estenderá ao resto dos parques do consorcio radicados en Vilagarcía, Ribadumia e Bueu.
O obxectivo da adquisición é mellorar o funcionamento e capacidade dos efectivos naquelas intervencións en altura que se presenten. Unha vez que o vehículo xa está no parque, iniciarase un proceso de dez días de formación de todo o persoal, que permitirá acadar un elevado coñecemento do uso con seguridade do brazo.
En canto ás características técnicas, trátase dun vehículo con chasis-cabina Mercedes-Benz con melloras nas súas características mínimas e condicións operativas.
O camión consta de dous brazos articulados que permiten o xiro e traballar ata 5,5 metros por debaixo da cota cero, permite a elevación de ata 2.000 quilos e dispón dunha carga mínima da cesta de gran capacidade, soportando ata 500 quilos.
A cesta do vehículo está dotada de rociadores de auga, sistema anticolisión e medición do vento automatizados para aumentar a seguridade do traballo en entornos con fume ou inclemencias meteorolóxicas e dispón de iluminación, carrete de extinción de incendios e tomas de aire respirable aumentando o tempo de traballo e efectividade dos bombeiros.
O camión conta cun monitor para lanzar auga/escuma electro-hidráulico con funcionamento por control remoto e caudal superior aos 2.000 litros por minuto, regulándose o alcance de xeito automático. Isto permite que incluso dende a base do camión, un só bombeiro actúe co monitor.
Igualmente está dotado de postos de control con pantalla a cor e unidade de mando remoto de control por radio que permite actuar nun radio mínimo de 100 metros do vehículo.
Relacionadas:
-
Os bombeiros do consorcio provincial convocan unha folga indefinida
Por Oskar Viéitez |
-
Traballadores do Consorcio de Bombeiros denuncian falta de persoal que o día de Reis obrigou a pechar o parque de Vilagarcía
Por Redacción |
-
A Deputación de Segovia inspírase en Pontevedra para a xestión das emerxencias
Por Redacción |
-
Xunta e Deputación aproban o paso ao modelo de xestión directa nos catro parques comarcais de bombeiros da provincia
Por Redacción |
-
O servizo de extinción de incendios e salvamento pasará a ser de xestión directa o 1 de xuño
Por Redacción |