O club de taekwondo de Lúa Piñeiro planta 100 árbores na zona de Pataca Cortada

Por Oskar Viéitez

© Concello de Caldas de Reis

© Concello de Caldas de Reis
Taekwondo en Caldas de Reis significa Número Phi. Lúa Piñeiro, campioa de Europa e máis de cinco veces campioa de España, creou este club deportivo centrado na formación integral dos seus deportistas desde os tres anos ata a idade adulta.
O monte comunal da parroquia de Santa María e, máis concretamente, a emblemática zona de Pataca Cortada, acolleu este domingo unha nova iniciativa de repoboación forestal impulsada por esta asociación na que colaborou o Concello de Caldas de Reis, a Comunidade de Montes de Santa María e os axentes forestais da Consellería de Medio Rural.
Foi unha entretida e proveitosa xornada educativa e de formación ambiental na que participaron 20 nenos e nenas plantando 100 árbores de especies autóctonas que repoboarán este espazo natural.
Por parte do Concello participou o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, que lles deu os parabéns aos promotores pola actividade e destacou a necesidade de seguir avanzando en proxectos que fomenten a educación ambiental e ao mesmo tempo favorezan a recuperacións dos espazos naturais e dos ecosistemas.
O concelleiro lembrou que o Concello ten proxectado o desenvolvemento do monte comunal de Santa María mediante o impulso dun parque forestal, que se agarda facer realidade ao longo deste mandato. Trátase dun ambicioso proxecto que permitirá poñer en valor unha importante superficie forestal xerando novas conexións entre os veciños, os visitantes e os valores ecolóxicos.
Entre outras cuestións, o parque forestal de Santa María que se creará en colaboración coa comunidade de montes contemplará a revalorización e adecuación de masas forestais con frondosas autóctonas, o acondicionamento de dúas rutas de sendeirismo de fácil percorrido e a creación dunha área recreativa con miradoiro na zona de Pataca Cortada, que é o punto máis alto do monte.