Barro ten consignados case 38.000 euros da Xunta para a mellora de camiños municipais
Por Redacción
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural contempla este ano un orzamento de case 400.000 euos para a mellora de camiños municipais na bisbarras das Terras de Pontevedra ao abeiro do Plan Marco, segundo anunciou este luns o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, na súa visita ao Concello de Barro.
Barro ten consignados un total de 37.828 euros no Plan Marco 2021-2022.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, acompañou ao delegado nunha visita á actuación realizada nos lugares de Faxil e Cancela coa anterior convocatoria, na que se investiron preto de 33.000 euros.
Ademais da achega ao Concello de Barro, o organismo dependente da Consellería do Medio Rural vén de orzamentar, co Plan Marco, 44.305 euros para o Concello de Campo Lameiro, 92.596 euros para Cerdedo-Cotobade, 51.792 euros para A Lama, 57.073 euros para Pontevedra, 34.736 euros para Ponte Caldelas, 36.560 euros para Marín e 39.249 euros para Vilaboa.
"É fundamental realizar un apoio constante aos concellos rurais para soster as súas infraestruturas viarias, tal e como facemos todos os anos dende a Xunta, para mellorar a mobilidade das súas aldeas e parroquias e facilitar os labores agrogandeiros que, no caso dun municipio como Barro, teñen bastante peso na súa economía", indicou o delegado territorial, que revelou que este concello rolda os 200.000 euros de axudas de Medio Rural para a mellora de camiños nos últimos cinco anos só cos fondos do Plan Marco.
Así, e grazas a estas achegas, o Concello de Barro modernizou case unha decena de vías municipais en lugares como Faxil, Cancela, Vilaverde, Mane, Agudelo, Cangrallo ou Valiñas, entre outros.
Finalmente, Luis López destacou o investimento nesta materia na bisbarra das Terras de Pontevedra, "que leva preto de 400.000 euros para as súas vías interiores municipais dado o seu peso agrogandeiro e a existencia de moitas e amplas zonas rurais malia tratarse dunha contorna metropolitana".
Relacionadas:
-
Fin de obra nas parroquias de Agudelo e A Portela
Por Redacción |
-
Rematan as obras en dous camiños do concello de Portas
Por Redacción |
-
A Xunta aproba a mellora de diversos camiños en Cerdedo-Cotobade, Moraña, Cuntis e Bueu
Por Redacción |
-
Rematadas as obras de pavimentación de viais nos lugares de Faxil e A Cancela
Por Redacción |
-
O Grove renova o firme en dous camiños rurais de Reboredo e Ardia
Por Redacción |