Doce denuncias dun golpe, o récord dun condutor interceptado en Pontevedra
Por Redacción
A bordo dun Audi A3 foi interceptado un condutor que, segundo traslada a Policía Local de Pontevedra, bateu o récord de denuncias nun mesmo atestado. Ata doce infraccións.
O seu coche foi interceptado polos axentes o pasado domingo 28 de marzo, circulando pola Avenida Domingo Fontán en dirección á ponte do Burgo. Déronlle o alto na gasolineira.
O condutor, segundo recolle o informe policial, deu positivo en cocaína, THC e opiáceos, portaba 0,6 gramos de marihuana, levaba unha defensa artesanal e un coitelo sen xustificación e ía no coche sen máscara acompañado por unha persoa coa que non convivía.
Ademais, tiña o carné de conducir retirado por perda de puntos, o informe da ITV do seu coche era desfavorable desde 2012, os dous pneumáticos dianteiros non cumprían a normativa e a roda de reposto comprometía a seguridade viaria.
Tamén foi denunciado por identificarse con datos falsos, achegando o DNI e o nome do seu irmán, segundo relata a Policía Local. Puido saberse quen é a través dun permiso caducado e unha tarxeta sanitaria co seu nome.
O coche foi inmobilizado no depósito municipal polo positivo en drogas e polas deficiencias detectadas na inspección policial.