O Padroado de Fexdega aproba a disolución da Fundación
Por Redacción
O Padroado da Fundación Fexdega acordou este luns solicitar á Xunta de Galicia a disolución do organismo e o traspaso de todos os seus bens ao Concello de Vilagarcía, entidade que se encarga dende hai unha década e en solitario da xestión e sostemento das instalacións da Maroma.
Os membros do Padroado, que celebraron onte a primeira reunión en cinco anos, coincidiron na postura xa defendida dende hai tempo pola administración local, ao entender que a Fundación é un organismo baleiro de contido, totalmente inoperante e sen sentido nas actuais circunstancias.
De feito, ata a propia Consellería de Economía e Industria abandonou o Padroado hai xa varios anos, como tamén o fixo a Cámara de Comercio, ámbolos dous membros fundacionais do organismo.
Segundo consta sobre o papel, na actualidade o Padroado está composto polo Concello de Vilagarcía, a Deputación de Pontevedra e ABanca.
Á reunión asistiron o alcalde, Alberto Varela, en calidade de presidente do organismo, e os representantes da Corporación Municipal, Alba Briones, Ana Granja e David Oliveira (escusou a súa ausencia Lucía César); así como as dúas representantes da Deputación, Noemí Outeda e Raquel Giráldez. Por parte de Abanca non houbo representación.
Varela foi o encargado de expoñer aos membros do Padroado a situación e os trámites realizados polo Concello de Vilagarcía, referíndose especialmente ao escrito remitido en 2019 á Consellería de Economía, Emprego e Industria –que exerce o protectorado de todas as fundacións públicas de Galicia- solicitando a aprobación da extinción do organismo de Fexdega e a liquidación dos seus bens, de xeito que estes pasen á titularidade do Concello como administración que se encarga dende hai anos da xestión, mantemento e sustento das instalacións.
O rexedor explicou que, a día de hoxe, ese escrito non tivo resposta, nin tampouco a solicitude de entrevista solicitada hai uns meses para tratar o asunto co conselleiro. Dado que os membros comparten a inutilidade de manter unha Fundación que non ten actividade algunha nin persoal propio dende que se decidira prescindir del hai dez anos, a efectos de dar máis forza á demanda, o Padroado acordou manifestarse a favor da disolución e reiterar a petición á Consellería nos mesmos termos manifestados polo Concello.
A extinción da Fundación só tería repercusión a efectos legais e sobre o papel, posto que na práctica manteríase todo igual que ata o de agora. O Concello continuaría dirixindo e xestionando as instalacións coa mesma filosofía que nos últimos anos: "facendo compatible a actividade feiral cos usos municipais de tipo deportivo e lúdico".
De feito, o Goberno local salienta que "durante o primeiro mandato socialista, a actividade feiral en Fexdega colleu pulo e rexistrou un importante incremento acollendo numerosos eventos monográficos de todo tipo e de forma totalmente compatible coas actividades da Fundación Municipal de Deportes".
O Concello de Vilagarcía espera que a Consellería responda pronto e se culmine o proceso de disolución, o Padroado tamén aproveitou para poñerse ao día e actualizar os trámites pendentes dende a súa última reunión, como dar conta da renovación dos seus membros tras as últimas eleccións municipais ou aprobar os estados de contas.