Barro gañará unha praza na contorna da capela de San Amaro, en pleno Camiño de Santiago
Por Oskar Viéitez
O Concello de Barro gañará unha praza no corazón do Camiño Portugués a Santiago, a carón da capela de San Amaro.
O deputado Gregorio Agís e o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, presentaron un proxecto valorado en 303.000 euros e que conxuga a seguridade viaria nun espazo polo que camiñan uns 70.000 peregrinos ao ano coa recuperación patrimonial.
As obras responden ao convenio asinado entre a Deputación, que achega un 70% (212.297 euros) e o Concello, que asume o 30% restante ( 90.894 euros).
Agís anunciou que o interese da institución provincial "é aprobar o proxecto e licitalo o antes posible para que en poucos meses estea executándose". A Deputación quere unha execución "en tempo récord" para que estea lista de cara o próximo ano e tendo moi en conta a necesidade de minimizar molestias "nun espazo tan concorrido".
"Non é un proxecto de mera seguridade viaria en plena estrada provincial; é moito máis", incidiu Gregorio Agís para referirse a unha iniciativa "que sempre demandaron dende o Concello".
Xosé Manuel Fernández Abraldes fixo fincapé en que a relación institucional entre o Concello de Barro e a Deputación "é inmellorable e moi de agradecer" e destacou a importancia de que se cumpra o compromiso de executar esta obra.
PRAZA CON PAVIMENTO DE LASTRAS
As obras sitúanse no punto quilométrico 1+100 da estrada provincial EP-0508 Curro-San Amaro, un amplo espazo formado por un cruce no que se atopan a praza e igrexa de San Amaro que, a día de hoxe, presenta unha situación de inseguridade viaria dada a total inexistencia de beirarrúas, beiravías ou algún tipo de itinerario reservado para os peóns, obrigados a compartir espazo cos vehículos.
O proxecto consiste na creación dunha auténtica praza, unha zona de convivencia elevada a 10 centímetros da rasante da estrada actual, que se construirá con pavimentos de pedra e se dotará de mobiliario urbano moderno e de deseño con bancos de pedra, dignificando así tamén a propia capela de San Amaro.
A maiores, executarase unha nova rede de pluviais, procederase ao soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións existentes e executarase unha nova rede de fecais e alumeado público con luminarias led de deseño.
Finalmente, instalarase nova sinalización horizontal e vertical e embelecerase todo o ámbito coa plantación de árbores.
Relacionadas:
-
Barro obtén unha achega de 265.000 euros para acometer melloras na seguridade peonil
Por Oskar Viéitez |
-
O PP califica de "parche" a reforma da Deputación na estrada entre Curro e A Portela
Por Redacción |
-
Veciños de San Amaro saen de novo á rúa para reclamar máis seguridade viaria na zona
Por Redacción |