A investigadora Irene López falará sobre o estigma das doenzas mentais
Por Redacción
O Concello de Bueu inicia un ciclo de conferencias arredor da saúde coa bueuesa Irene López Gutiérrez, graduada en Bioquímica e investigadora do grupo de Neuropsicofarmacoloxía molecular na Universidade Complutense de Madrid, que falará sobre as enfermidades mentais este sábado, 3 de abril, ás 12.00 horas, na Sala Multiusos do Centro Social do Mar.
As persoas que queiran participar nela deberán inscribirse previamente cubrindo un formulario na web municipal, e a actividade retransmitirase en directo dende a canle de YouTube oficial.
Baixo o título de "O estigma das enfermidades mentais", López Gutiérrez abordará dous dos grandes problemas aos que se ven obrigadas as enfermidades mentais: o estigma e a falta de tratamentos eficaces.
A idea do Goberno local de Bueu é continuar estas charlas sobre saúde nas próximas semanas, con temáticas como a saúde sexual ou a alimentaria.
Esta actividade insírese na campaña proxectada dentro do Día da Muller da Ciencia, que se celebrou o 11 de febreiro, cando a Covid-19 impediu a organización da mesma. De feito, a investigadora bueuesa xa impartiu unha poñencia no CEIP A Torre de Cela, na que explicou o funcionamento do cerebro a través das ilusións ópticas, e ten programadas dúas charlas máis co alumnado do IES Illa de Ons e co do IES Johán Carballeira.