A Garda Civil detén catro veciños de Bueu por trapicheo de droga
Por Oskar Viéitez
Dous operativos da Garda Civil permitiron a detención de catro veciños de Bueu no marco das actuacións do instituto armado para previr e tratar de erradicar a venda polo miúdo de substancias estupefacientes.
Segundo informaron fontes oficiais da Garda Civil, o detonante das actuacións foi a identificación dos ocupantes dun vehículo o pasado día 29 no transcurso dun dispositivo preventivo na estrada Bueu-Cela.
Os axentes identificaron unha parella que lles resultou sospeitosa e que xa tiña antecedentes policiais. Esta incidencia foi alertada á Policía Local de Bueu que horas despois localizou o vehículo cando estaba a estacionar nunha céntrica rúa da vila.
Nun rexistro superficial intervéuselles un paquete con 16 envoltorios de plástico que contiñan 10 gramos de cocaína e 15 de heroína.
Os dous ocupantes do vehículo: tanto o condutor como a súa acompañante, de 34 e 38 anos, respectivamente, ambos de Bueu, foron detidos como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas.
REXISTRO EN VIVENDA
Por outra banda, noutra actuación, a Garda Civil desactivou un punto de venda e distribución de drogas que se estaba realizando nunha vivenda, na mesma localidade de Bueu.
Despois de constatar a afluencia de consumidores habituais de droga na zona, o xulgado de instrución número 2 de Marín autorizou aos axentes a entrada e rexistro no domicilio onde se interviñeron útiles para a preparación das doses, básculas de precisión e numerosas anotacións cos resultados das vendas.
No momento do rexistro identificaron dous presuntos toxicómanos que se atopaban no interior do inmoble realizando o consumo das substancias e os dous responsables da vivenda foron detidos por un delito contra a saúde pública.