A veciñanza do Cacheiro, na Canicouva, estrea centro social
Por Redacción
O Concello de Pontevedra pon ao dispor dos veciños o centro social do lugar de O Cacheiro, na parroquia da Canicouva.
Trátase dun edificio de nova construción que loce unha solución arquitectónica singular para adaptala a unha parcela pequena, en pendente e que, ademais,"intégrase perfectamente dentro do propio núcleo", declarou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, durante a inauguración do inmoble.
O rexedor quixo destacar "o aproveitamento que se fixo dun espazo complicado cun plantexamento moi moderno", así como a función que cumprirá para "as xuntanzas de todos os veciños de Cacheiro, cun resultado final moi atractivo e que vai cumprir perfectamente esa función de convivencia que cohesiona socialmente aos núcleos rurais".
Aproveitou Fernández Lores a visita para agradecer o traballo de todo o equipo profesional que fixo realidade a obra, así como a colaboración da poboación.
O centro social está situado nunha parcela que os residentes xa empregaban para reunións comunitarias e consta dun edificio rectangular dunha soa planta coa fachada voada sobre a pista que transcorre á beira do muro que delimita o terreo.
O edificio inclúe zonas de almacenamento e aseos, ademais dun espazo aberto para reunións e actividades. A exterior conta cunha entrada accesible, dúas pequenas zonas verdes e unha zona de terraza.
Para facer realidade a construción empregáronse "materiais de altísima calidade e os métodos máis modernos de construción porque nos equipamentos públicos que facemos non distinguimos que esteamos traballando nun lugar dunha parroquia determinada, nun barrio de Pontevedra ou no centro da cidade", concluíu o alcalde.