Pontevedra marca máximo de temperatura en Galicia con 32,1 graos antes da chegada das choivas
Por Manu Otero
O tempo estival deste inicio de Semana Santa despídese ao grande en Pontevedra. A capital da provincia rexistrou este mércores a temperatura máis alta de Galicia, unha xornada antes da chegada de intensas choivas que farán descender o mercurio en toda a comunidade.
O po sahariano e as nubes desluciron un intenso día de calor nas Rías Baixas, aínda que iso non impediu aos pontevedreses desprazarse ás praias para aliviar a calor. Os 32,1 graos rexistrados ás 17.40 horas na estación meteorolóxica de Campolongo supoñen o pico máis alto non só da xornada, senón dos últimos días en toda Galicia.
Este é o mapa das temperaturas máximas rexistradas ata as 17:40 da tarde de hoxe. O valor máximo deuse en #Pontevedra Campolongo 32.1ºC, entre 30 e 31ºC estiveron en #Leiro e #Remuíño #Arnoia en #Ourense, #OViso #Redondela en #Pontevedra e #Boiro en #ACoruña Boa tarde! pic.twitter.com/HqhgLjYa0F
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) March 31, 2021
Con todo, aquelas persoas que inician as súas vacacións coa chegada dos días festivos non poderán gozar ao aire libre destas xornadas tan calorosas porque a partir deste xoves prevense choivas nas Rías Baixas. O Xoves Santo amencerá con tempo nubrado e unha alta probabilidade de precipitacións que será aínda maior cara ao atardecer. As temperaturas experimentarán tamén un acusado descenso con máximas de 17 e mínimas de 10 graos.
Para o Venres Santo está previsto que as precipitacións vaian diminuíndo ata desaparecer a última hora do día e dar paso a unha xornada asollada para iniciar a fin de semana. As temperaturas, en todo caso, non superarán os 20 graos.
"Haberá precipitacións o xoves e o venres. En canto ás temperaturas, serán altas para as mínimas e normais para as máximas respeto ao agardado para este período, con mínimas que descenderán moderadamente e máximas que descenderán notablemente, a pesar de que oscilarán", recolle a previsión de Meteogalicia para os tres próximos días na Boa Vila.