Doce luminarias para mellorar a iluminación no acceso á praia de Areas
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo acaba de instalar doce novos farois tipo led no vial de acceso á praia de Areas. Trátase dunha zona moi transitada tanto por veciños como por visitantes durante todo o ano.
As novas luminarias, polo seu sistema de iluminación e consumo, suporán un importante aforro tanto en mantemento como en eficiencia enerxética.
Esta mellora súmase ás xa realizadas durante este ano nos accesos das distintas praias do municipio de Sanxenxo como Major, Pragueira, Foxos, Bascuas e, proximamente tamén Montalvo, con novas pasarelas de madeira. No caso de Foxos e Bascuas tamén se colocaron novos valados.
O investimento de todas estas actuacións supera os 40.000 euros.
ACONDICIONAMENTO DE ESPAZOS PÚBLICOS
Ademais, o Concello de Sanxenxo empezou coa posta a punto do municipio coa limpeza dos espazos públicos e a reparación dos bancos de madeira situados en distintos puntos dos núcleos de Sanxenxo e Portonovo. Os traballos de limpeza concéntranse nos centros urbanos de Sanxenxo, Portonovo, Vilalonga e A Revolta.
Os traballos consisten na pulverización con clorito nas zonas de verdello e un herbicida para eliminar as malas herbas. Nas zonas máis amplas e de mellor acceso, úsase un furgón cun depósito GRG e hidrolimpadora a presión.