Ponte Caldelas creará 40 novos aparcamentos no Paseo da Calzada
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas creará 40 novos aparcamentos no tramo inicial do Paseo da Calzada, unha cifra que se suma ás prazas xa existentes nas dúas fincas de aparcamento que están ó inicio da vía que comunica o casco urbán coa praia fluvial.
Ademais do pintado das prazas de aparcamento e das correspondentes cuadrículas amarelas para que os vehículos poidan maniobrar con amplitude e seguridade, o Concello de Ponte Caldelas fará unha limpeza da rúa e renovará o vallado que demilita o vial das fincas colindantes.
Ademais, o carril bici e o paseo peonil que discorren á beira do Río Verdugo serán protexidos mediante a colocación de bolardos para definir perfectamente os dous espazos de circulación.
"Ponte Caldelas e a súa economía local medran e é preciso medrar con elas", indica o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que recoñece que "nas últimas semanas detectamos un enorme incremento de tráfico de vehículos no casco urbán, algo que é bo porque demostra que hai moita actividade en Ponte Caldelas" ó tempo que lembra que o municipio leva "tres anos continuados medrando en poboación e, ademais, somos o centro comercial de toda a comarca, ó que cada día se achegan centos de persoas a mercar no noso comercio".