Un sudario de máscaras cirúrxicas para o Cristo da Boa Viaxe
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
O Cristo da Boa Viaxe, imaxe do século XIX instalada no exterior da igrexa de Santa María a Maior para presidir o antigo cemiterio parroquial, foi obxecto dunha intervención "para lembrar a todas as persoas falecidas durante o último ano, a enfermos e afectados desta pandemia, que está a provocar un auténtico calvario en tantas familias de todo o planeta".
Segundo explicou o párroco de Santa María a Maior, Javier Porro, o Equipo Kerigma da parroquia levou a cabo esta iniciativa "co fin de achegar aos viandantes a mensaxe fundamental do Triduo Pascual nun ano en que, dada a actual situación de crise sanitaria, non se poderá saír en procesión polas rúas da cidade".
Na mañá deste xoves colgouse do traveseiro desta cruz un sudario elaborado a partir de máscaras cirúrxicas.
O sacerdote explicou que, ademais de lembrar aos afectados, con esta acción quérese "resaltar a proximidade de Xesucristo a todas as vítimas da enfermidade". Ao ser Xoves Santo, tamén se instalou unha artesa con algúns dos elementos propios da Última Cea: pan, copa, jofaina…, que fan alusión ao pan e ao viño da Eucaristía, así como ao lavatorio dos pés.
Igualmente púxose unha das frases que pronunciou Cristo na cruz: "Padre, perdónalos porque no saben lo que hacen".
A maiores, o Venres Santo sumarase a este conxunto a imaxe da nosa Señora da Soidade.
Javier Porro indicou que durante o Xoves Santo e o Venres Santo haberá sacerdotes na Real Basílica escoitando a aquelas persoas que queiran confesarse, "recibindo a vacina 100% efectiva para recuperar a alegría e a paz".