O Venres Santo deixa 24 positivos en covid-19 a pesar de realizarse tan só 204 PCR
Por Natalia Puga
O ritmo de realización de probas PCR para detectar casos positivos de covid-19 baixou na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Fronte ao 1.141 test realizados o xoves, o venres tan só foron 204 -ás que habería que sumar un número de test de antígenos que non se facilitou-. A pesar de que se fixeron menos dun cuarto de probas, os novos pacientes detectados foi maior. O xoves foran 14 e este venres, 10 máis, 24.
Segundo o último balance realizado polo Servizo Galego de Saúde, o resultado é que este sábado hai na área sanitaria 230 casos activos de covid-19. A pesar dos novos positivos detectados, son 8 casos menos porque o venres un total de 32 pacientes recibiron a alta médica.
A situación nos hospitais segue sen cambios. Así, do mesmo xeito que o venres, este sábado hai 20 pacientes con coronavirus nos hospitais pontevedreses. En concreto, un deles está na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo e os outros 19, en planta de hospitalización.
Hai, segundo os datos oficiais, 17 pacientes no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 1 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra e 1 no Hospital do Salnés.
Os 210 pacientes con coronavirus restantes permanecen en illamento nos seus domicilios.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 12.433 pacientes (32 máis durante o venres) e faleceron por este virus na área sanitaria 164 pacientes.
En canto a realización de PCR’ s, as 204 realizadas nas últimas 24 horas elevan a 185.743 o total de probas xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria.
EVOLUCIÓN EN GALICIA
Segundo o último balance oficial, en Galicia hai un total de 2.223 casos activos de covid-19 este sábado, 83 menos que o venres, tras rexistrarse 108 novos contaxios, 90 deles por probas PCR.
Durante a última xornada, a Consellería de Sanidade non notificou ningunha morte por covid-19 -ata o de agora, o total de vítimas mortais é de 2.344- e hai un pequeno descenso nos pacientes hospitalizados, dous menos. Hai 180 ingresados en unidades convencionais, dúas menos, e ningún cambio nas unidades de críticos, coa mesma cifra de pacientes que o venres, 30.
En xeral, nas últimas 24 horas descenderon os casos activos de covid-19 en todas as áreas sanitarias excepto en Santiago de Compostela. Na Coruña hai 719 casos activos (-33), en Vigo son 606 (-16), Santiago ten 283 (+9), Pontevedra suma 230 (-8), Ourense rexistra 144 (-7), en Lugo son 139 (-23) e Ferrol é a de menor cantidade de casos, 103 (-5).
Relacionadas:
-
Un home de 67 anos, nova vítima da covid-19 no Hospital Montecelo
Por Redacción |
-
Lixeiro descenso dos pacientes con covid-19 nos hospitais pontevedreses
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Volven aumentar os positivos por covid na área sanitaria: 238 casos activos
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Un home de 72 anos, vítima 164 da pandemia na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |