Denunciado por condución temeraria un condutor que envorcou o seu coche por exceso de velocidade en Campelo
Por Redacción
Un veciño de Poio resultou denunciado este sábado por condución temeraria pola súa conduta ao volante cando circulaba co seu BMW pola zona de Campelo. Circulaba con exceso de velocidade cando sufriu un accidente.
Segundo a información facilitada pola Policía Local de Poio, o accidente produciuse sobre as 12.15 horas na rúa Fogatería e consistiu nunha saída de vía cuxa causa directa foi o exceso de velocidade. O vehículo quedou envorcado coas rodas cara arriba.
Os axentes municipais que acudiron a lugar entrevistáronse con varias testemuñas que indicaron que viron pasar o vehículo a unha velocidade excesiva para esta vía, unha estrada secundaria.
No momento do accidente había dous ocupantes no vehículo e, a pesar da aparatosidade do sinistro, ambos resultaron ilesos. En canto ao condutor, deu resultado negativo nas probas de consumo de alcol e drogas.
A Policía Local denunciou ao condutor, que agora se enfronta a unha sanción de 500 euros e a perda de 6 puntos do carné de conducir.