Pontevedra embargou en 2020 un total de 3.920 contas para cobrar medio millón de euros en débedas
Por Natalia Puga
A empresa Recyges SL, responsable de xestionar as reclamacións de taxas e impostos impagados polos contribuíntes en Pontevedra, recadou durante o ano 2020 un total de 3.682.331,41 euros pola vía executiva, recuperando á forza pagamentos que os cidadáns nos pagaron de xeito voluntario. Esta cifra supuxo que a recadación da débeda que os cidadáns e empresas tiñan co Concello descendeu un 16 % respecto de 2019 e que, por primeira vez, os ingresos en período executivo superaron ós cargos do mesmo exercicio.
O dato forma parte do informe de xestión correspondente ao exercicio 2020. A xestión recadadora en período executivo non se paralizou en ningún intre a pesar da pandemia da covid-19, pero entre os meses marzo a xuño, en cumprimento do disposto no Real Decreto que activou o estado de alarma, suspendéronse e interrompéronse os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público.
Algunha das cifras que máis chaman a atención das que figuran neste informe son as relativas aos embargos de contas bancarias ou propiedades das persoas que teñen débedas coas arcas municipais por recibos de impostos e taxas que non abonaron voluntariamente. Así, o exercicio 2020 rematou co embargo de 3.920 contas por contía de 543.663,80 euros e notificáronse 211 dilixencias de embargo de vehículos e 66 dilixencias de embargo de inmobles.
En relación coas contas bancarias, as entidades bancarias facilitaron os datos de 26.677 contas (moitos dos debedores dos que se solicitou información tiñan conta en varias entidades ou varias contas na mesma entidade) e remitíronse 24.202 mandamentos de embargo de contas, menos que contas facilitadas, por ter feito o pagamento da débeda en moitos casos ou por terse embargado noutra entidade.
A recadación por embargos de saldos en contas reduciuse en 2020 un 20% en relación con 2019, pasando de 669.375 euros a 543.663 euros. Segundo explica Recyges, débese a que dende o 15 de marzo a 10 de xuño non se fixeron embargos en contas debido a paralización dos prazos administrativos.
En canto aos embargos de inmobles, durante 2020 enviáronse solicitudes de información ao Rexistro de índices sobre bens inmobles inscritos en calquera Rexistro da propiedade de España a nome dos debedores do Concello e solicitouse nota simple rexistral dos inmobles inscritos no Rexistro da propiedade de Pontevedra a nome de 188 debedores. Finalmente, a recadación executiva presentou no Rexistro da propiedade de Pontevedra 14 mandamentos de anotación preventiva de embargo de inmoble en 2020.
Ademais, procedeuse ao embargo de devolucións tributarias en colaboración coa Axencia Tributaria. No 2020 enviouse todos os meses un ficheiro que contiña as ordes de embargo de créditos a favor de debedores a Facenda Municipal e fixéronse a través do convenio coa axencia tributaria 1.091 embargos de devolucións de IRPF, Imposto de sociedades ou IVE. Por esta vía recadáronse 303.940,31 euros.
Falando de cifras xerais da débeda recadada en executiva en 2020, dos 3.682.331,41 euros recadados durante o exercicio 2020, 2.498.195,26 euros corresponden a cobros de recibos e 1.203.287,74 a cobros de liquidacións.
A recadación pola vía executiva non é allea ás novas tecnoloxías e a vida en clave dixital. Recyges xa ten en funcionamento aplicacións que permiten a comunicación e envío de sms a todos os debedores dos que se coñece un teléfono móbil ou enderezo electrónico sexan persoas físicas ou xurídicas. En 2020 fixéronse 2.841 notificacións a debedores a través da Sede electrónica do Concello. En 175 casos o debedor accedeu ao contido da notificación e no resto dos casos ó non acceder á mesma entendeuse que rexeitou a notificación dándoselle por notificado o acto e continuando o procedemento .
Recyges tamén ten asumida a xestión dos procedementos concursais nos que o Concello de Pontevedra é acredor. No exercicio 2020 cobráronse en executiva 104 recibos a debedores en situación de concurso por importe de 46.580,00 euros. Respecto ao exercicio anterior, o cargo a executiva descendeu un 49,22 %.
Relacionadas:
-
A débeda dos pontevedreses co Concello roza os 28 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |
-
Conxelados impostos e taxas no orzamento municipal de 2022, ao que lle afectará a suba da luz e a sentenza da plusvalía
Por Redacción |
-
Pontevedra recadou 4,3 millóns pola vía executiva en 2019, a maior cantidade en dez anos
Por Alejandro Espiño |
-
Recyges prorroga un ano máis a xestión do servizo de recadación municipal en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Os pontevedreses 'deben' ao Concello máis de 26 millóns de euros en taxas, impostos e multas non pagadas
Por Alejandro Espiño |