Barro aumentará ata os 425.000 euros o contrato do servizo de axuda no fogar
Por Redacción
Ata os 425.100 euros anuais, un 35% máis que o custe actual, aumentará o prezo do contrato para o servizo de axuda no fogar de Barro. Así se aprobou no pleno da corporación municipal.
Será un contrato de servizos que terá duración de tres anos, coa posibilidade de prorrogalo ata cinco, segundo explica o goberno municipal.
O incremento con respecto ao servizo actual, que presta a empresa pontevedresa Idades, é debido tanto á suba no prezo da hora como polo aumento no número de usuarios e horas de atención que se prevé.
O Concello aportará anualmente 120.000 euros de fondos propios para o financiamento deste servizo. A achega da Xunta, segundo o executivo local, queda "moi lonxe" de cubrir o custo real desta atención ás persoas dependentes.
Este é, engade o goberno municipal, un servizo "fundamental" para o apoio ás persoas dependentes que lles permite ter unha atención para as súas necesidades básicas no seu propio fogar.
Na actualidade o Concello dispón de 2.170 horas mensuais, coas que se atende a máis de sesenta veciños e veciñas.
O pleno tamén aprobou o expediente para o inicio do proceso de licitación dun novo contrato de limpeza que englobe a limpeza en varias edificacións públicas, que sairá a concurso cun orzamento base de 83.800 euros ao ano.
Este contrato terá unha duración de dous anos coa posibilidade de prorrogar un ano máis.
Ademais, tamén se aprobou a modificación de crédito de 406.000 euros dunha parte do superávit para diversos proxectos de mellora espazos públicos, de mellora e ampliación de viais, mellora de instalacións municipais e apoio aos sectores máis afectados pola crise.