Sanxenxo, con só unha cuarta parte dos seus hoteis abertos, pecha a Semana Santa cun 51% de ocupación
Por Redacción
O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo fixo balance dunha Semana Santa "atípica" na que o incremento nas restricións unido a unha meteoroloxía inestable trouxeron como consecuencia unha ocupación media do 46,7% nos establecementos turísticos que finalmente decidiron abrir as súas portas para estas datas.
A comunicación de que Sanxenxo pasaba ao nivel medio-alto de restricións "supuxo unha freada total no ritmo de reservas", explicou o presidente deste organismo, Alfonso Martínez, quen destaca que estiveron abertos apenas un 25% do total de establecementos hostaleiros.
O cambio nas restricións xerou, ademais, moitas dúbidas entre quen optara por visitar o concello, así como modificacións e cancelacións de reservas.
O feito de non poder traballar no interior dos establecementos hostaleiros "foi un verdadeiro pau", asegura Martínez, quen destaca que a prioridade para o sector sempre foi o cumprimento das restricións e o escrupuloso seguimento das normas establecidas "aínda que estamos a ver que moitas delas non teñan case impacto nos contaxios pero si supoñen un gran golpe para o sector".
"Resignámonos pero ás veces hai medidas que resultan incompresibles e, o que é peor, inútiles", reflexiona o presidente do CETS.
As dificultades da hostalería, unida a unha previsión de tempo inestable, fixo que algúns establecementos hostaleiros que inicialmente ían abrir, finalmente non o fixesen, o que rebaixou o número de establecementos activos para a Semana Santa de Sanxenxo ata un 25,73%, o que se traduciu ao redor de 1.500 prazas hostaleiras activas das máis de 9.000 coas que conta o municipio.
En canto aos hoteis que si abriron, o balance é "razoablemente satisfactorio", cunha ocupación media do 51%. Por índice de ocupación dos asociados ao CETS, seguíronlle os apartamentos turísticos, cun 40% de ocupación e os cámpings, cun 33%, porcentaxes sempre referidas aos establecementos que abriron as súas portas estes días.
Neste sentido, o presidente do consorcio destacou que "o sector segue mirando con esperanza ao verán, preparándose para poder traballar cun certo nivel de normalidade e aplicando sempre os protocolos e as normas vixentes en cada momento".
"A responsabilidade e o cumprimento das normas estiveron presentes en cada un dos pasos que fomos dado en todo este tempo e o sector está agora ao límite das súas capacidade de resistencia", indicou. "Agora é máis importante que nunca a responsabilidade individual de todos o cumprimento dos compromisos adquiridos por todas as administracións públicas para que se materialicen as axudas. Estamos nun momento crucial", concluíu.