San Cibrán, sen romaría pero con moitos fieis 'espantando o meigallo'
Por Redacción & Cristina Saiz
A pesar de que a romaría de San Cibrán tívose que suspender, por segundo ano consecutivo, pola pandemia da covid-19, foron moitos os fieis que non se resistiron a acudir á ermida para espantar o 'meigallo'.
O pasado ano, en pleno confinamento, ninguén puido cumprir coa tradición de lanzar pedras ao tellado da ermida mentres se dan voltas ao templo, pero nesta ocasión non foi así.
Numerosas persoas, respectando as medidas de distanciamento e con máscara, non quixeron perderse este momento e, aínda que as celebracións limitáronse ás misas habituais nestas datas, acudiron á contorna da capela.
As celebracións litúrxicas, ademais, non se celebraron en San Cibrán, senón na igrexa parroquial de San Pedro, onde se organizaron dúas misas, unha matinal e outra vespertina, que non incluíron procesión nin ningún outro tipo de acto relixioso no exterior.
Este ano, ao coincidir o 11 de xullo -San Benitiño- en domingo, Pontevedra fixo festivo este luns 5 de abril, día de San Cibrán, polo que a pesar de suspenderse a romaría contribuíu a que moitos optasen por achegarse ata Tomeza.