Comeza unha intervención arqueolóxica no xacemento romano da illa de Ons
Por Redacción
Desde este luns día 5 e ata o 9 abril, un equipo dirixido polo arqueólogo da Universidade de Vigo, Adolfo Fernández, está a desenvolver unha intervención arqueolóxica de limpeza, rexistro e sondaxes na factoría romana de salga da praia Canexol, na illa de Ons.
A actuación conta co apoio do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e inscríbese dentro do proxecto de investigación Galtfish.
"O obxectivo principal desta intervención é o de investigar estes restos arqueolóxicos e aumentar considerablemente o noso coñecemento sobre eles no marco dun estudo global sobre a produción de salgas de peixe en época romana", comenta o responsable da iniciativa.
Segundo indica Adolfo Fernández, o xacemento romano de Canexol, descuberto recentemente e nunca antes intervido, esténdese por todo o cantil da praia da illa de Ons, uns 100 metros, destacando a presenza de dous píos ou depósitos de salgadura parcialmente destruídos.
"A entidade dos restos e a súa amplitude fannos pensar que ademais da fábrica de salgadura poderían existir outras edificacións anexas que puideron servir de zona habitacional, sen descartar que o castro ou Castelo dos Mouros, situado a poucos metros do xacemento, fose o lugar onde habitaron as persoas que traballaban nesta unidade fabril", detalla o arqueólogo.
A intervención en Ons xira arredor de dous eixes principais. En primeiro lugar, o equipo vai rexistrar dixitalmente todos os restos arqueolóxicos visibles no cantil da praia e que están sendo moi afectados pola erosión mariña. O obxectivo é monitorizalos para poder medir e avaliar a progresión da afectación dos restos ao longo do tempo para tomar medidas protectoras de ser necesario.
En segundo lugar, no marco da intervención vanse realizar varias sondaxes arqueolóxicas co obxectivo de recuperar datos da fábrica e delimitar o xacemento para poder "protexelo, intervilo e musealizalo no futuro".