Bueu aproba no Pleno esixir á Xunta o fomento da vivenda protexida
Por Redacción
A sesión plenaria da corporación municipal de Bueu, celebrada de modo telemático este luns 5 de abril, aprobaba unha moción relativa á solicitude dun convenio coa Xunta de Galicia para a consecución de vivenda protexida na vila.
A proposta partía dos grupos de goberno, BNG e ACB, e foi aprobada cos seus votos a favor, en contra do PSOE e a abstención do PP.
O alcalde Félix Juncal defendía a necesidade de que o Concello de Bueu tome a iniciativa nesta materia debido á pasividade da Xunta. "Debemos seguir tendo ambición e demandar que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVUS) asine un convenio co Concello para a promoción de vivenda protexida, sobre todo porque é moi preocupante a perda de poboación e o prezo á alza do mercado inmobiliario, tanto de compra como de alugueiro", declaraba Juncal.
Dado que a vivenda é unha competencia autonómica, o alcalde e o concelleiro de urbanismo mantiveron hai semanas unha xuntanza co director do IGVUS para tantear a posibilidade de asinar un convenio, para o que o Concello de Bueu achegaría dous solares que permitirían a construción de preto dun cento de vivendas. A impresión por parte do equipo de goberno tras este encontro foi cualificada como "decepcionante" e por iso o goberno local decidiu elevar ao pleno esta moción, que propón esixir á Xunta de Galicia a sinatura dun convenio, así como a creación dunha Comisión Especial de Vivenda para abordar este asunto e ir avanzando no mesmo.
"O que está claro é que non nos imos resignar e que, tarde ou cedo, Bueu contará cun plan municipal de vivenda", apuntaba o alcalde no Pleno. Pola súa banda, Elena Estévez, a voceira do PP, manifestaba que o seu grupo compartía a exposición de motivos aínda que non os acordos, e engadía que lle "sorprende que se xa houbo unha reunión co IGVUS na que se manifestou que non é factible a sinatura dun convenio, por que se insiste niso?". José Manuel Vilas, polo PSOE, lembraba que "se o BNG leva gobernando tantos anos, chama a atención que xusto agora urxa sacar adiante este tema de forma tan precipitada".
No Pleno tamén se trataron outras cuestións. En concreto, saía adiante cos votos a favor de toda a corporación a moción presentada polo BNG sobre a baixada ao 10% do IVE dos salóns de peiteado, estética e barberías. Así mesmo, tamén se aprobou por unanimidade a proposta do grupo popular para esixir ao Goberno central a supresión dos puntos 3 e 4 do artigo 18 da Lei de Cambio Climático. Por último, a moción presentada por BNG e ACB para solicitar a derrogación da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia contou cos votos a favor de todos os grupos, agás do PP, que se manifestou en contra.